viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

Cuntis aproba un orzamento para 2021 que supera os 4 millóns de euros

O alcalde, Manuel Campos, di que "o orzamento está adaptado ás circunstancias". DP
O alcalde, Manuel Campos, di que "o orzamento está adaptado ás circunstancias". DP
As contas tiveron luz verde cos votos favorables do PSOE e a abstención de Veciñanza e PP

O Concello de Cuntis aprobou na sesión plenaria celebrada este venres o orzamento municipal para o presente ano 2021 que ascende a 4.025.000 euros e sobe un 21,9% con respecto ao do exercicio de 2019. As contas tiveron luz verde cos votos favorables dos 7 concelleiros do PSdeG-PSOE e a abstención dos grupos de Veciñanza e Partido Popular.

O alcalde, Manuel Campos, manifestou a súa satisfacción e a de todo o grupo de goberno pola aprobación duns orzamentos "que cobren as principais necesidades de funcionamento do noso Concello e teñen un marcado carácter social para facer fronte ás nefastas consecuencias da pandemia". O máximo rexedor da vila termal lembrou que "como vén sendo habitual, mantivemos unha postura dialogante cos grupos da oposición e aprobamos parcialmente algunha das súas enmendas". 

Como acontece cada ano, as partidas destinadas a acción social teñen unha relevancia especial no documento económico, destinándose a estes fins un total de 586.400 euros. Non se esquecen tampouco programas básicos e fundamentais para a cidadanía como o servizo de conciliación Cuntilín, ao que se destinan 79.000 euros.

Por outra banda, o orzamento para este 2021 recolle 90.000 euros para atención temperá e axudas á natalidade, cuestión á que ao longo deste ano se lle tratará de dar un novo impulso mediante a posta en marcha doutro tipo de axudas que sexan máis atractivas para a veciñanza.

Ao mesmo tempo mantense unha liña directa de achegas a asociacións para contribuír á dinamización da cultura e o deporte que tan duramente está sufrindo nesta pandemia polas restriccións que obligan a manter distancias e as rebaixas de aforo para evitar posibles contaxios masivos. Incluso á anulación de actividades e concertos o espectáculos de carácter artístico.

Por outro lado, este ano dótase no orzamento unha partida extraordinaria de 30.000 euros destinada a paliar os efectos crise do covid -19 nos sectores e actividades que se viron máis afectadas pola situación de pandemia. Do mesmo xeito contémplase unha partida para dinamización do comercio en conxunto coa asociación de comerciantes que ascende a 12.000 euros e consérvanse as cantidades para promoción turística ás que, con seguridade, se tentarán aplicar máis recursos unha vez que se recupere a actividade, algo que se espera suceda na próxima tempada estival.

A conta xeral de 2021 tamén establece fondos para realizar expropiacións de cara ao compromiso de ampliación e mellora do polígono industrial de A Ran, así como as dirixidas á rehabilitación e conservación de patrimonio en distintas actuacións como son a de posta en valor dos petróglifos, recuperación do lavadoiro termal e a rehabilitación da escola de Meira, entre outras. Así mesmo, establécense fondos para un novo punto de recarga de vehículos eléctricos, para o equipamento dun vehículo para a Policía local e para a compra dun novo camión de recollida de lixo.

Finalmente, ascende a partida de inversións a case 500.000 euros e tamén se dota unha partida orzamentaria para o convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra para a mellora da estrada EP-8402 ao seu paso pola rúa de A Palma.

Manuel Campos destacou que a aprobación do orzamento "é unha excelente noticia para o funcionamento do Concello pero tamén para cubrir as necesidades e servizos públicos que necesitan os cuntienses". O rexedor sinalou que "estamos ante un orzamento adaptado ás actuais circunstancias de dificultade por mor da pandemia que, ao mesmo tempo, mellora servizos públicos, incrementa os investimentos e marca as bases para o desenvolvemento económico e social do noso municipio". 

Cuntis aproba un orzamento para 2021 que supera os 4 millóns de euros
Comentarios
ç