Cuntis, Caldas, Moraña, Barro e Portas lamentan quedar sen novo programa de emprego

Os rexedores destes concellos solicitan "unha rectificación" á Xunta. Nos catro últimos anos participaron na iniciativa desenvolvida por estes municipios 345 persoas, das que o 48% accedeu a un posto de traballo
Un momento da xuntanza mantida polos alcaldes para tratar o asunto do programa de emprego. DP
photo_camera Un momento da xuntanza mantida polos alcaldes para tratar o asunto do programa de emprego. DP

Os alcaldes de Cuntis, Caldas, Barro, Moraña e Portas celebraron este martes unha reunión telemática na que o principal punto a tratar foi a non concesión por parte da Xunta de Galicia dun novo Programa Integrado de Emprego. Manuel Campos, Juan Manuel Rey, Xosé Manuel Fernández Abraldes, José Cela e Ricardo Martínez coincidiron á hora de mostrar o seu desacordo con esta decisión e de valorala negativamente. Non obstante, todos eles preferiron quedar coa parte positiva e, en conxunto, cos datos na man, cualificaron como "excelentes" os resultados dos programas desenvolvidos ao longo dos últimos catro anos.

O rexedor cuntiense sinalou en nome dos seus compañeiros que o balance final do proxecto "é moi positivo tal e como demostran as altas cifras de inserción que se foron acadando. Cremos que foi un programa ben pensado, destinado a veciños con gañas de formarse e de traballar que demostrou unha eficacia moi importante nos cinco concellos onde se desenvolveu".

Os alcaldes destacaron a boa xestión dos plans realizada de maneira conxunta pola agrupación de municipaios grazas á que 345 persoas demandantes de emprego foron beneficiarias de Itinerarios de formación para a inserción en diferentes especialidades. Ao mesmo tempo puxeron en valor o magnífico traballo e o apoio continuado do equipo técnico e resaltaron que do 2017 ao 2020 se logrou unha inserción laboral media do 48% dos participantes. Foron especialmente satisfactorios o 2018 e o 2019 onde accederon a un posto de traballo o 51% e o 57%, respectivamente.

Dende esta agrupación municipal destacan que "non estamos ante unha cuestión política, senón de integración social. As altas cifras de empregabilidade demostran que foi un programa moi eficaz, desenvolvido de maneira impecable con resultados moi positivos para os veciños e veciñas da comarca". Por eso, os rexedores coincidiron na necesidade de pedirlle á Xunta de Galicia que "recapacite e desenvolva un ano máis este programa integrado de emprego".

"Quedamos fóra por unhas décimas da primeira convocatoria. Estamos de acordo en que entren outros nesta iniciativa pero cremos que o que ten que valorar a Xunta son os bos resultados e no noso caso quedan totalmente acreditados cos datos", conclúen os alcaldes.

Comentarios