Cuntis, un dos Concellos 'chave' da Rede Villas Termales da FEMP

A entidade nacional, da que forman parte preto de 80 municipios de toda España, mantén ao alcalde cuntiense, Manuel Campos, dentro da súa directiva como vicepresidente primeiro
O bo tempo permitiu os labores de posta a punto das sendas fluviais no Concello de Cuntis. DP
photo_camera O bo tempo permitiu os labores de posta a punto das sendas fluviais no Concello de Cuntis. DP

O Concello de Cuntis continuará a ser un dos actores principais da rede de Villas Termales, dependente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e que avoga polo impulso do termalismo e das augas mineiras como reclamo turístico. Trátase dunha rede da que forman parte preto de 80 concellos de toda España. O alcalde cuntiense, Manuel Campos, vén de ser nomeado vicepresidente da Primera Sección de Entidades Locales con Aguas Minerales y Termales. Deste xeito, Campos continúa formando parte da directiva, logo de exercer como president durante o mandato anterior.

Nesa etapa, desde Villas Termales leváronse a cabo proxectos de relevancia, como o convenio acadado co Ministerio de Industria para dar vida ao Plan de Turismo Termal, actualmente en execución e que conta cun orzamento que ascende a 1,5 millóns de euros. Trátase dunha iniciativa a través da cal os concellos adheridos a esta rede poden impulsar accións e propostas encamiñadas a promocionar e dar máis visibilidade a experiencias termais como reclamo turístico. Campos Velay salienta, ademais, a dificultade do contexto do anterior mandato, condicionado en parte pola situación sanitaria durante a pandemia da covid, e amosouse convencido de que ese bo traballo ter continuidade durante esta nova etapa.

Nese sentido, o alcalde de Cuntis recalca que á hora de consolidar este tipo de proxectos "todos os concellos amosamos sempre unha gran disposición para colaborar e traballar da man, deixando de lado as cores poíticas".

Precisamente, tal e como sinalan desde o Concello de Cuntis, para este xoves xa está convocada una reunión de traballo, vía telemática, da nova directiva, que estará dirixida polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, e que ten como vicepresidente segundo ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Manuel Campos incide en que temos por diante aínda moito labor por facer, para abordar retos que contribúan a continuar consolidando o termalismo como motor dinamizador e económico da rede da que forma parte Cuntis.

PLENO EXTRAORDINARIO. Por outra banda, os grupos da Corporación municipal asistirán hoxe a un pleno, de carácter extraordinario, no que se abordarán varias cuestións de interese. Unha delas ten que ver coa renovación do convenio a través do cal os Concellos de Cuntis e de Caldas continuarán ofrecendo o servizo de Orientación Laboral á veciñanza de ambas vilas. Esta prestación realízase nas dependencicas do Centro Ocupacional, situadas no polígono industrial da Ran, e leva operativa desde hai aproximadamente uns 15 anos.

Asimismo, o Goberno local tamén prevé aprobar unha proposta de Alcaldía que sirva para obter fondos da Deputación que sirvan para continuar coa instalación de luminarias 'led'.

Comentarios