Cuntis espera que a internet de alta velocidade chegue a todas as parroquias en 2021

Os traballos estanse desenvolvendo a bo ritmo e polo de agora máis do 50% dos núcleos rurais do municipio teñen conexión ultrarrápida
Loureiro de abaixo é un dos próximos núcleos aos que se vai levar a conexión. DP
photo_camera Loureiro de Abaixo é un dos próximos núcleos aos que se vai levar a conexión. DP

O alcalde, Manuel Campos, mantivo onte un encontro co responsable da empresa Telefónica, concesionaria da instalación de fibra óptica no rural de Cuntis e aproveitou para avanzar que nestes momentos máis do 50% dos núcleos rurais do Concello xa teñen conexión a banda ancha de alta velocidade. Os traballos estanse desenvolvendo a bo ritmo e continuarán durante todo o ano ata levar as conexións ultrarrápidas a todas as parroquias en 2021.

Campos informou de que os próximos núcleos aos que se van levar as conexións son os de Loureiro de Arriba, Loureiro de Abaixo, Couselo e Portela. Os traballos nesta zona xa se iniciaron para levar internet a unha empresa e nos vindeiros días continuarán para dar servizo a toda a poboación. A extensión da rede ultrarrápida chegará a 61 núcleos das 8 parroquias de Cuntis grazas ás subvencións do Programa Estatal 2019 financiado a través do Fondo Europeo Agrícola para despregar fibra óptica antes do remate de 2021 que recibiron os operadores Telefónica e R.

Manuel Campos lembra que "as conexións son de 100 megas, unha velocidade moi competitiva que hai poucos anos era totalmente impensable en zonas do rural". O alcalde móstrase satisfeito e sinala que "avanzar en materia de novas tecnoloxías foi un compromiso que adquirimos no Goberno e que imos facer realidade grazas á estreita colaboración coa AMTEGA". 

Para o rexedor "este proxecto é fundamental para Cuntis, porque levamos moito tempo reclamando unha mellora da cobertura para todo o municipio. Unha boa conexión a internet en calquera punto é imprescindible na actualidade para manter os servizos e fixar poboación e emprego en concellos rurais". 

Comentarios