O Concello de Cuntis inicia unha campaña para acondicionar as áreas recreativas

Unha brigada de catro persoas encárgase do desbroce e saneado de áreas urbanas e rurais
Operarios traballando nun área do municipio cuntiense.
photo_camera Operarios traballando nun área do municipio cuntiense.

O Concello de Cuntis está a desenvolver unha campaña de acondicionamento e mantemento das principais areas de ocio e esparcemento do termo municipal. O obxectivo deste operativo que está coordinado polo alcalde da localidade, Manuel Campos Velay, é que a veciñanza e os visitantes poidan gozar destes espazos públicos nas mellores condicións posibles, especialmente nestes días festivos. Ofrecer unha imaxe saneada ás persoas que durante esta Semana Santa escollen a vila termal para gozar dun pequeno descanso é outra das prioridades que persegue esta campaña.

Os traballos estanse a executar coa brigada contratada con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra que, segundo asegura Manuel Campos, é unha ferramenta esencial para os municipios rurais xa que permite "a realización de traballos con recursos propios, como os desbroces e limpezas, que teríamos que subcontratar ou simplemente deixar de realizar".

Cuntis conta cunha brigada formada por catro traballadores que se encargarán de manter as principais áreas recreativas limpas durante os vindeiros 6 meses, tarefas que compaxinarán con traballos de protección contra incendios forestais e de apoio á limpeza viaria cos tractores municipais.

"Estou moi satisfeito co traballo desta brigada porque nun municipio tan extenso como Cuntis o tema do desbroce é especialmente complexo", apunta o rexidor cuntiense.

Polo de agora a brigada municipal realizou diversos traballos de desbroce tamén nas parroquias de Troáns, Mesego e Monumento e está previsto que nos vindeiros días procedan á limpeza de sendeiros e vías de comunicación tanto en núcleos rurais como en zona urbana.

Comentarios