Cuntis pide á Xunta que dote de "máis medios materiais" a Protección Civil

O alcalde, Manuel Campos, trasladou ao delegado territorial, Luis López, a necesidade de "incrementar a colaboración entre institucións para garantir un servizo de máxima calidade"
Luis López e Manuel Campos, á dereita da imaxe, durante a visita á base de Protección Civil en Cuntis. DP
photo_camera Luis López e Manuel Campos, á dereita da imaxe, durante a visita á base de Protección Civil en Cuntis. DP

O alcalde Cuntis, Manuel Campos Velay, e o concelleiro José Treviño recibiron este xoves ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, Luis López, na base da agrupación de Protección Civil e do Servizo Municipal de Emerxencias do municipio.

O rexedor da vila termal agradeceu a visita do representante autonómico para entregarlles os carnés oficiais aos seis novos voluntarios da agrupación e aproveitou a ocasión para reiterarlle a necesidade de incrementar a colaboración entre institucións para garantir un servizo de máxima calidade, xa que, segundo apuntou Campos, a aportación da Xunta no ano 2021 foi de 1.800 euros.

"Pedimos unha mellor dotación de medios materiais, xa que un Concello das nosas características carece da capacidade económica para asumir case en solitario este servizo, que é un dos mellor valorados pola veciñanza de Cuntis", sinalou o alcalde. O grupo de goberno cuntiense apostou desde o primeiro momento por este servizo, dotándoo de personal e dunha base operativa eficiente no campo das canteiras.

Manuel Campos, que destacou o importante labor que desempeña este servizo na atención das emerxencias, informou a Luis López do forte investimento que realiza anualmente o Concello de Cuntis para garantir a seguridade dos veciños e veciñas de Cuntis e da súa contorna. O alcalde cifrou en 80.000 euros a partida destinada no 2021 para cubrir os salarios e a adquisión de material e equipamento para o correcto funcionamento deste servizo. Por último, o alcalde apunta que o Servizo de Emerxencias desplegou o pasado ano un total de 246 operativos para atender a incidencias de diferente índole, e un alto porcentaxe fóra do termo municipal de Cuntis.

Pola súa banda, o delegado territorial, acompañado do xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, garantiu o "máximo apoio" da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e de xestión das emerxencias.

Máis de 100.000 euros nos últimos anos
La Delegación Territorial de la Xunta en Pontevedra informó de que Protección Civil de Cuntis recibíu, ao longo dos últimos anos, máis de 100.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos ordinarios de funcionamento e para a adquisición de material.

Luis López apuntó que "esta agrupación leva décadas de servizo desinteresado e altruísta a prol da cidadanía de Cuntis e incluso, en moitas ocasións, doutros municipios limítrofes. Ademais actúa cunha eficacia, eficiencia e esforzo que son dignos de eloxio. Dan unha cobertura de primeiro nivel e están sempre pendentes do que precisa a cidadanía, especialmente nos momentos máis complexos, polo que é, dende hai moito tempo, unha das agrupacións máis destacadas da provincia e de toda Galicia, polo que merece sobradamente o apoio que lle prestamos dende o Goberno galego".

Comentarios