Cuntis promove o emprego do galego ao mesmo tempo que promociona o comercio local

A concellería de Cultura e Xuventude presentou a campaña Fai o galego viral no comercio local
Un dos 18 nenos nados no Concello en 2020 ou 2021 que foi agasallado. DP
photo_camera Un dos 18 nenos nados no Concello en 2020 ou 2021 que foi agasallado. DP

O alcalde de Cuntis e a concelleira de Cultura fixeron entrega no Centro Patelas dunha caixa con agasallos para os 18 nenos e nenas nados ao longo de 2020 e no que vai de 2021 na vila termal. Trátase dunha iniciativa impulsada pola concellería de Cultura e Xuventude con fondos da Deputación de Pontevedra baixo o nome de #Faiogalegoviralnocomerciolocal, que busca potenciar o uso da lingua galega na infancia ao tempo que promociona o comercio de proximidade e supón un detalle para as familias con novas crianzas.

As caixas agasallo conteñen diverso material con inscricións en galego. Concretamente levan unha manta soñando en Galego, unha toalla chapuzando en Galego, un babeiro Larpeiriñ@, un bodi soñando en Galego, un suxeita chupete quen non chora, non mama, un medidor medrando en galego, un álbum o meu primeiro ano, un libro de nanas, o libro Arturo e Clementina sobre a igualdade, unha lámina de recordo de nacemento, un adhesivo para coche meniñ@ a bordo, un folleto tendas para meniñ@s en Cuntis, un paquete de toalliñas ecolóxicas e 10 pañais ecolóxicos.

A concelleira de Cultura, Conchi Campos, destacou a importancia de promover o uso do galego desde o comezo da infancia. "A nosa lingua propia está en evidente declive e cada vez é menos utilizada, sobre todo entre os menores, polo que o noso obxectivo é contribuír ao seu fomento e animar aos pais e nais a que lles falen en galego aos seus fillos e fillas na fermosa aventura da paternidade". "Ao tempo", engadiu, "aproveitamos esta campaña para darlle difusión ao noso comercio local, animando ás familias a mercar en proximidade e temos un detalle en forma de agasallo cos pais e nais que acaban de ter un meniño/a". 

Comentarios