Cuntis proxecta a construción dunha residencia para persoas maiores

A nova instalación, cun investimento previsto que supera os dous millóns de euros e 42 prazas de capacidade, estará situada no monte Beiros, xunto ao actual Centro de Día
Maqueta da nova residencia para persoas maiores que proxecta construir o Concello de Cuntis.
photo_camera Maqueta da nova residencia para persoas maiores que proxecta construir o Concello de Cuntis. DP

O Concello proxecta a construción dunha residencia para persoas maiores situada xunto ao actual Centro de Día, no monte Beiros. O anteproxecto desta importante infraestrutura foi presentado á convocatoria de subvencións con cargo aos fondos europeos dentro do acordo marco para o desenvolvemento do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais asinado entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O proxecto ascende a dous millóns cento cuarenta e seis mil euros .

O Goberno cuntiense acude a esta convocatoria de axudas coa intención de obter a máxima financiación concedida para este fin que é de 1.200.000 euros, cantidade que, de ser concedida, destinarase a levantar unha residencia estruturada en baixo e planta duns 846 metros cadrados construídos e con capacidade para máis de 40 usuarios.

A parte da parcela destinada a este proxecto ten unha superficie de 2.751 metros cadrados, si ben o proxecto abrangue unha área máis extensa, de 3.464,55 metros cadrados que se urbanizarán para ordenar o entorno inmediato á futura residencia.

Dicha instalación será un volume compacto de forma irregular para aproveitar ao máximo a superficie dispoñible na parcela. Terá un patio interior para zona de esparcimento na planta baixa, donde tamén estarán as áreas de administración e as unidades especializadas, así como unha unidade de convivencia para 20 personas.

Na planta alta situarase unha segunda unidade de convivencia para outras 22 persoas, cunha ampla terraza para espazo libre. Na parte exterior da parcela crearase un circuito lúdico de esparcemento.

O alcalde confía en obter a financiación necesaria xa que, segundo indica, completaría a atención asistencial para os maiores dentro do termo municipal. O Centro de Día, asegura Manuel Campos, é insuficiente para atender as necesidades da veciñanza que, en moitos casos, vese obrigada a acudir a prazas de residencia fora de Cuntis.

"Presentamos un proxecto básico para os nosos veciños e veciñas. Estamos convencidos de que a ubicación é perfecta e ademáis o proxecto cumple coa normativa urbanística, que é un dos requisitos esenciais para a súa presentación".

Comentarios