Cuntis reactivará os programas de integración de persoas con discapacidade

O Concello está estudando o reinicio da actividade mediante accións de reactivación progresiva ou a través de medidas de carácter individual
2020090512465155340
photo_camera Os programas paralizáronse de maneira presencial hai uns meses.

O Concello de Cuntis anuncia a próxima reactivación dos programas de integración para persoas con discapacidade, "Habilitas" e "Habilitas Fogar", que se veñen desenvolvendo dende hai varios anos e que se paralizaron na súa modalidade presencial por mor da pandemia da covid-19.

Malia que durante estes meses se mantivo a atención telemática aos usuarios e ás súas familias a través de clases online, envío e corrección de tarefas ou apoio psicosocial, «considérase fundamental recuperar a atención presencial en vista das limitacións dos medios telemáticos e de atrancos como a fenda dixital que impiden chegar coa mesma intensidade a todas as persoas participantes», explica o Goberno local.

Deste modo, «a reactivación dos programas levarase a cabo tendo como máxima prioridade a saúde dos usuarios e dos profesionais que imparten o programa, polo que a volta á actividade presencial se desenvolverá aplicando todas as medidas e protocolos de seguridade frote covid-19», engade. Por estes motivos, o Concello está estudando o reinicio da actividade ou ben mediante accións de reactivación progresiva ou ben a través de medidas de carácter individual.

A reactivación progresiva daría comezo coa volta á actividade de maneira individualizada coa ratio un profesional/un usuario. Desenvolveríase na Casa do Médico con medidas de desinfección continua, mascarilla, control de temperatura e enquisa epidemiolóxica diaria, entre outras medidas.

«Estes protocolos permitirían establecer as rutinas coas que avanzar a unha segunda fase na que xa se podería levar a cabo accións de tipo grupal con grupos pechados e todas as condicións de seguridade aplicadas», sinala o Goberno local.

Pasado un tempo dende o inicio das accións grupais valoraríase xa a reactivación das accións do programa de xeito normalizado mantendo todas as medidas de seguridade.

A segunda proposta que se está a valorar consistiría en reactivar o programa exclusivamente con accións presenciais individuais na Casa do Médico ou na contorna de cada participante sempre co mesmo profesional para cada usuario e con todas as medidas de seguridade.

Comentarios