Cuntis suspende as festas patronais e organiza un programa lúdico alternativo

Un momento da carreira de rolos celebrada nas festas de Santa María de Cuntis, en 2019. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARCHIVO)
photo_camera Un momento da carreira de rolos celebrada nas festas de Santa María de Cuntis, en 2019. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARCHIVO)

O Concello de Cuntis, ante a situación provocada polo coronavirus e, atendendo a cuestións de índole sanitaria, comunica a suspensión das festas patronais na honra a Santa María que se ían celebrar do 15 ao 18 de agosto.

A decisión foi acordada polo equipo de Goberno e comunicada aos grupos da oposición e, tal e como indicou o Concello, será trasladada aos sectores afectados tras analizar detalladamente as circunstancias actuais e considerar que non se poden garantir as condicións mínimas de seguridade para levar adiante un evento destas características.

«De común acordo, concluíuse que a máxima prioridade nestes momentos é a saúde da cidadanía e que, polo tanto, se debe optar por extremar todas as medidas de seguridade e protección da poboación que estean ao alcance do Concello», indica o Goberno local.

No seu lugar, o Concello xa está traballando na organización dunha programación alternativa de actividades culturais, lúdicas e de ocio que se estenderán durante todo o verán e que terán lugar non só no casco urbano, senón que chegarán ás oito parroquias do municipio. Estas actividades serán de pequeno formato e adaptadas ás novas normativas de seguridade e protección derivadas da crise sanitaria da covid-19.

«O Concello busca deste xeito ofrecer unha alternativa viable ao tempo que atractiva e de calidade para todos os públicos que permita dinamizar e achegar os contidos culturais tamén ao rural mentres se cumpren os consellos de seguridade, como aforo limitado ou distancia interpersoal», engade.

Comentarios