miércoles. 23.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 23.10.2019
El tiempo

Da Jealous Gallery á Mouteira

Vanesa, no taller dos anos sesenta que lle ten alugado a un torneiro, no lugar da Mouteira, na parroquia estradense de Berres. PATRICIA FIGUEIRAS
Vanesa, no taller dos anos sesenta que lle ten alugado a un torneiro, no lugar da Mouteira, na parroquia estradense de Berres. PATRICIA FIGUEIRAS

Casal de creación ▶En Londres descubriu a enmarcación. Traballando nunha galería británica, polas súas mans pasaron reproducións e series de artistas coma Bansky. Hai dous anos volveu á Estrada, a súa terra, para montar un taller no rural dende o que dignifica o oficio

Licenciouse en Historia da Arte en Santiago de Compostela, onde tamén fixo un Máster en Crítica e Comisariado de Arte Contemporánea. Marchou a Barcelona para formarse en Técnico Superior de Escaparatismo e Visual Merchandising, na escola Ártidi. Exerceu como escaparatista visual para H&M e logo como freelance. En 2014 fixo as maletas con destino a Londres. "Cansei de traballar nalgo que nin me chamaba nin me representaba", di. Así que na capital do Reino Unido tivo a oportunidade de facer un curso de enmarcación no Richmond Adult Community College. O que comezou sendo "un pasatempo, un escape mental", é hoxe a paixón e o xeito de vida de Vanesa Iglesias Casal. Esta estradense de 32 anos volveu hai dous ás súas orixes e montou o seu propio taller, no rural, na parroquia de Berres.

Casal de Creación é o seu selo. O nome é un xogo de palabras; entre unha homenaxe ó seu avó, que foi carpinteiro, e unha alusión ó lugar onde ela crea. "Ese apego á madeira venme de familia", admite. Comezou o oficio en Londres, no departamento de enmarcación da Jealous Gallery and Screen Printing Studio, un referente na cidade. Polas súas mans pasaron reproducións asinadas e series limitadas de prestixiosos artistas coma Bansky, Murakami, Tracy Emin, Peter Blake ou Charming Baker. "Aprendín moitísimo a nivel de traballo e de calidade, sobre como se fai unha emarcación boa. Vin que aquilo tiña moitísimas posibilidades no creativo e no estético e xa se me meteu a idea na cabeza de montar o meu taller". Na galería británica traballou un ano e medio ata que nunha escapada á casa polo Nadal deu cun fotógrafo da Coruña que vendía toda a maquinaria. "Lanceime. Levaba tres anos e pico en Londres e en catro días volvinme". Rexeitou a oferta de traballo que tiña apalabrada xa noutra empresa inglesa e volveu á terra.

Vanesa Iglesias deseña enmarcación contemporánea en madeira crúa para imaxes e obxectos en tres dimensión

No lugar da Mouteira atopou un taller dos anos sesenta que deixara en desuso un torneiro e foi o lugar perfecto para montar o seu proxecto. Aínda conserva nel a serra e o torno. "Non os uso; non son torneira, pero podería! O taller ten esa historia que tamén me gusta moito". Vanesa traballa moi preto de Isabel Neira, outra artesá que recuperou o oficio familiar, típico nesta zona da Estrada.

Casal de Creación mima a materia prima e as ideas. "No Reino Unido o gremio dos artesáns da enmarcación está recoñecido por parte do público e do sector, tense en conta o seu valor estético e a súa calidade e niso aquí coxeamos un pouco; quedou como algo máis complementario ou residual, por iso eu insisto tanto na preservación, na calidade e no deseño", afirma. No seu taller traballa exclusivamente con madeira de ayous, tamén chamada obeche ou samba. "Tendo a simplificar moito e o único que fago é enmarcación contemporánea con madeira crúa. Só teño cinco ou seis perfís, todos lisos, pero de diferente groso. Tódolos acabados son a man. Traballo moito por mensaxería, por mail e por redes sociais. A xente sorpréndese moito. Teño cinco perfís no mostrario e nunha tenda ven cincuenta mil, pero eu creo na enmarcación creativa, no que dea a imaxinación, que ó final é infinita".

Verónica enmarca dende fotografías ata obxectos en tres dimensións. O encargo máis raro que leva atendido foi a enmarcación de pelo dun cliente que cortou a coleta e quería conservar a melena que ata entón gardara nunha caixa de zapatos. Tamén recadrou "marabillosas" pezas de cerámica de Xapón ou "emotivos" recordos como cartas de exiliados, fotos "antiquísimas" dun carteiro que enmarcou xunto á pluma coa que traballaba ou unha instantánea dun mariñeiro co seu lema, avante, escrito. "Son cousas fermosas cunha carga emocional tremenda e aí é onde entra a parte de responsabilidade á hora de traballar, de coidar e de procesar o que fago. Por iso respecto moito que confíen en min para estas cousas".

A ESCOLMA DE NESSY. Vanesa colabora con moitos ilustradores e artistas de toda Galicia. Con algúns mantén exposta na tenda de produtos de deseño Vaidhé, en Vigo, a selección que deu en chamar A Escolma de Nessy.

"Son obras que os artistas me ceden e eu deseño un cadro único e especial para elas. O marco complementa a peza".

"É moi importante a volta ós oficios manuais"
"É moi importante a volta ós oficios manuais. Non hai competencia porque non hai xente que faga isto. En Londres xa o vía: moita xente nova que volve á talla da madeira, á serigrafía, á enmarcación, e creo que é algo que deberiamos potenciar porque hai carencia de profesionais de actividades que non se deben perder", defende. "Podes ser licenciada en Dereito e producir lámpadas de madeira ou unha horta. Hai que apostar por unha transversalidade no eido profesional", engade. "Apostei polo rural. A pesares de que me defino como urbanita, recoñezo que escapei dese ritmo de vida imposto no que unha conforma unha peza máis dun sistema produtivo horrible".

Da Jealous Gallery á Mouteira
Comentarios