A danza de Yara Juncal amosa á mocidade o maltrato a través das relacións tóxicas

A coreógrafa interpretou xunto a Kevin Juncal e Verónica Aboy a peza 'Iceberg' ante alumnado do IES Laxeiro e o IES Ramón Aller, no marco do programa de visibilización das violencias machistas que desenvolve a Deputación
Un momento do espectáculo de Yara Juncal na praza de Galicia de Lalín. CEDIDA
photo_camera Un momento do espectáculo de Yara Juncal na praza de Galicia de Lalín. CEDIDA

Un momento do espectáculo de Yara Juncal na praza de Galicia de Lalín. CEDIDAA bailarina e coreógrafa Yara Juncal protagonizou na praza de Galicia de Lalín a nova proposta do programa da Deputación Mulleres en Acción. Violencia Zero. coa obra Iceberg, que a artista representou acompañada do seu irmán Kevin Juncal e de Verónica Aboy. O evento foi seguida en vivo por máis de medio cento de alumnas e alumnos dos IES Laxeixo e Ramón Aller da localidade dezana, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, a tenente de alcalde lalinense Paz Pérez, e representantes de diversos colectivos e asociacións do municipio. Así mesmo, retransmitiuse tamén en streaming polas canles da institución provincial e o Concello.

Amosar de xeito claro á mocidade a identificar unha relación tóxica e visibilizar as terribles consecuencias para as vítimas que exerce este tipo de violencia por parte dos maltratadores foi o eixo da peza da danza urbana. A canguesa Yara Juncal dividiu a súa acción, creada ex profeso para Violencia Zero, en oito capítulos ao modo dunha serie, nos que foi abordando as distintas etapas dunha relación tóxica, desde o feliz inicio da parella tras coñecerse nunha festa ata o poder final que consigue recuperar a vítima, tralos procesos de rifas, reconciliacións e, sobre todo do illamento e control e a anulación que lle chega a exercer o maltratador tras afastala do mundo e, en especial, da súa mellor amiga.

Un momento do espectáculo de Yara Juncal na praza de Galicia de Lalín. CEDIDA

A voz de V, a vítima desta historia, escoitouse na peza a través da narración en off ao inicio de cada capítulo, amosando ao público a evolución dos seus sentimentos ata que, na parte final, consigue saír desa espiral de sombra e liberarse das cordas que a oprimen, non sen deixar patente o trauma sufrido e o feito de que "a vida non será como antes; hai moito por asimilar e hai que perdoarse para que este dolor se transforme en cicatriz". A artista subliñou que a peza nace do seu traballo como docente, ao igual de Kevin e Verónica, en clases de baile con adolescentes "e queriamos representar as bandeiras vermellas que pode haber para identificar unha relación tóxica".

A deputada provincial, Victoria Alonso, animou ao alumnado a "facer unha reflexión conxunta e a sacar conclusións para entre todos aportar o grao de area para frear os asasinatos e as violencias machistas; é unha lacra que hai que erradicar".

Un momento do espectáculo de Yara Juncal na praza de Galicia de Lalín. CEDIDA

Comentarios