martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

A danza de Yara Juncal fará reflexionar a Lalín sobre as desigualdades e a violencia

Yara Juncal, coreógrafa e bailarina de danzas urbanas. DP
Yara Juncal, coreógrafa e bailarina de danzas urbanas. DP
A representación Iceberg fala dos comezos dunha relación tóxica na adolescencia 

O concello de Lalín acollerá o próximo martes, 25 de maio, o programa Mulleres en Acción: Violencia Zero 2020-2021, promovido pola Deputación de Pontevedra (asistirá a deputada de Cultura e Igualdade), en colaboración co municipio dezano, no marco da programación cultural do mes de maio. Trátase dunha actuación da coreógrafa e bailarina de danzas urbanas Yara Juncal, que terá lugar ás 12.00 horas na Praza da Igrexa ou no Salón Teatro no caso de chuvia.

Mulleres en Acción: Violencia Zero é un programa de acción artística contemporánea para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia de xénero no noso país. Trátase dunha proposta de sensibilización para fomentar na cidadanía unha actitude crítica, ao tempo que se promove a visibilidade e o empoderamento das artistas.

Nestes tempos complexos, dunha incerteza e crise sen precedentes, a igualdade volve estar en serio risco de retroceder gravemente na nosa sociedade. A situación epidemiolóxica mundial que vivimos está a levar á muller a unha posición de vulnerabilidade laboral e social que podemos tardar moitos anos en recuperar. A covid-19 evidenciou a precariedade laboral das mulleres, a inexistencia dunha corresponsabilidade real e o papel desigual de soporte no eido dos coidados. Se sumamos o escenario dramático que viviron moitas mulleres nun confinamento compartido cos seus maltratadores, a situación debúxase transcendental na loita contra as violencias machistas.

Despois de cinco exitosas edicións, #ViolenciaZero xa é unha iniciativa coñecida e recoñecida que os diferentes públicos agardan coa mente aberta para deixarse sorprender, sabendo que non todas as sensacións que van sentir serán agradables.

A loita contra a violencia machista maniféstase na performance, na poesía, na danza, na música, no teatro e no graffiti para provocar unha reacción social cara a esa lacra que só poderemos parar entre todas e todos. Así, cada persoa que asiste e participa nunha acción leva consigo unha pegada ineludible, unha reflexión ou unha vivencia desas que quedan nas nosas cabezas dando voltas. Que podemos facer cada unha e un de nós para contribuír na loita contra a violencia patriarcal?

A sexta edición deste programa, preséntase como máis urxente e necesaria se cabe, xa que representa un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás na loita en prol da igualdade. Comprende 25 accións que se realizarán ao longo do ano en 25 concellos da provincia de Pontevedra, sendo un deles Lalín, coa acción de danza Iceberg da man da coreógrafa e bailarina de danzas urbanas Yara Juncal, adaptando os eventos a todos os protocolos de seguridade, apoiando a loita para facer do mundo un lugar mellor, máis xusto e libre de violencias.

FORMACIÓN. Yara Juncal (Cangas do Morrazo, 1983) é coreógrafa, bailarina de danzas urbanas e profesora e codirectora de Boombox Danza Urbana. Formada en Nova York, Los Ángeles, Londres, Portugal e Barcelona, na súa última viaxe a California estivo nas mellores escolas de Los Ángeles e San Diego con coreógrafas e coreógrafos de prestixio como Mariel Madrid, Keone Madrid e Carlo Darang, no seu estudio Building Block.

Leva exercendo de forma continuada desde hai 20 anos; conta cunha dilatada traxectoria na que experimentou diferentes disciplinas de danza que lle permitiron moldear o seu particular estilo, caracterizado por liñas moi redondas, traballo de chan e diferentes texturas, sempre cunha coidada musicalidade e elaboración coreográfica.

Nos últimos anos da súa carreira tamén impartiu obradoiros en distintas escolas de Galicia e Portugal. Actualmente da clases regulares na súa escola de Cangas, Boombox Danza Urbana, e en Pontevedra, no Getting Jiggy Dance Studio.

A danza de Yara Juncal fará reflexionar a Lalín sobre as...
Comentarios
ç