"A Banda de Lalín goza nestes momentos de moi boa saúde"

Con só 16 anos David Fiúza iniciou a súa traxectoria baixo a batuta da Banda Artística de Merza, onde iniciou os seus estudos e na que cerrou un proxecto discográfico de dous anos no mes de outubro. Agora asume a dirección da Banda de Música de Lalín "con moitísima ilusión"
David Fiúza. CEDIDA
photo_camera David Fiúza, novo director da Banda de Música de Lalín. CEDIDA

Fai máis dun mes que asumiu a dirección da Banda de Música de Lalín. Como afronta esta nova etapa?
Con moitísima ilusión porque é unha agrupación que xa ten unha traxectoria moi consolidada e ademais os integrantes teñen moitas ganas de facer proxectos grandes, polo que trataremos de facer a maior actividade posible.

Ata agora estivo ao fronte da Banda Artística de Merza, que foi precisamente aí onde iniciou os seus estudos musicais.
Si, exactamente. Con 13 anos foi cando descubrín a música a través do clarinete e a Banda de Música de Merza foime guiando no mundo musical, porque xa desde moi mozo, con 16 anos, tiven a oportunidade de dirixir a banda nas actuacións nas que faltaba o director, que era José Rodríguez, que era trompeta solista na Banda Municipal de Coruña, e dábase a circunstancia que tiña que faltar a bastantes actuacións, polo que tiven a sorte de poder iniciarme no tema da dirección.

"Imos traballar todos os aspectos da Banda e melloralos en paralelo, xa que non hai unha carencia na que haxa que incidir"

Era moi novo cando asumiu por primeira vez a dirección dunha banda. Que significou iso para vostede?
Daquela facíame moita ilusión, pero eu realmente non era consciente da responsabilidade que iso supoñía. Un con esa idade ten atrevemento sen ter moita consciencia da realidade. Pero grazas a iso fun descubrindo o mundo da batuta de maneira práctica.

E é que xa desde moi novo se empezou a interesar pola música…
Si. Con 12 anos apunteime a clases de gaita no colexio de Cruces, porque ía a todas as actividades extra escolares que me cadraban ben no horario. E curiosamente o tema de gaita enganchoume moito máis que outras actividades. E a partir de aí aconselláronme estudar solfeo, e pouco a pouco foi vindo todo o resto.

Na súa dilatada carreira profesional dirixiu a Banda de Meaño ou a Banda Sinfónica La Armónica, entre outras. Tras un mes baixo a batuta da de Lalín, que fortalezas e debilidades da Banda destacaría?
Pois debilidades poucas. É dicir, é unha banda que goza nestes momentos de moi boa saúde. Fíxose un moi bo traballo da canteira, tamén de tradición e historicamente ten moitos músicos profesionais con bastante experiencia. Polo que puntos débiles non ten. Imos traballar todos os aspectos da Banda e a melloralos en paralelo, xa que non hai unha carencia na que haxa que traballar máis en profundidade. Todo está nun nivel equilibrado.

"De momento non temos ningún certame como obxectivo. Non descartamos que no futuro se poida ir a algún"

A Banda de Música de Lalín quedou segunda na primeira categoría do Certame Galego de Bandas de Música en 2018. Está entre os seus obxectivos levala ao primeiro posto?
De momento non temos ningún certame como obxectivo. Os concursos teñen obxectivos moi concretos que nós non os necesitamos para desenvolver o noso proxecto neste momento. Non descartamos que ao mellor nun futuro se poida ir a algún certame. Temos outras actividades artísticas que poden enriquecer moito máis e crear un desenvolvemento máis grande.

Cales serán as próximas actividades e concertos da Banda?
A tempada de inverno ata xuño está programada, con tódalas datas e obras que se tocarán en cada concerto. Xa se está cerrando a programación do verán e tamén estamos empezando a buscar novos proxectos para a próxima tempada, para dentro dun ano. Entre eles, o pasado 30 de novembro inauguramos o ciclo do auditorio, que se titula Sinfonía 0, que consta de seis concertos, todos eles con sinfonías sen numerar e presentando diferentes formatos de música de banda.

Que espera da Banda de Música de Lalín?
Trátase de analizar en cada momento en que punto está para intentar inxectar as ferramentas máis adecuadas para que siga crecendo, desenvolvéndose e alcanzar novas metas. Entre iso está o traballo artístico dos músicos e da música, pero tamén é importante o traballo cultural e a maneira de como socialmente se vai involucrando no pobo, como a Banda acaba sendo un vehículo imprescindible para Lalín, para que a través da cultura a xente se achegue máis á música.

"Xa se está cerrando a programación do verán e tamén estamos buscando proxectos para a próxima tempada"

En todos estes anos coñeceu, participou e dirixiu moitas formacións musicais. Destacaría algunha?
Realmente calquera tipo de agrupación sempre é unha nova aventura, sempre deixa unha aprendizaxe, tanto unha agrupación amateur como unha de conservatorio, xuvenil ou profesional. Este último ano foi bastante vertixinoso, tiven oportunidades moi boas; fixen un concerto coa Banda Municipal de Madrid, tamén coa de Palma de Mallorca e coa de Coruña, coa puiden facer catro programas. Son tamén titular na Gran Canaria Wind Orchestra, que funciona por proxectos e só nos reunimos unhas tres ou catro veces no ano.

Recibiu tamén moitos galardóns. Algún ao que aspire e se lle resistira ata o de agora?
Persoalmente, os galardóns non son un tema que me preocupe. Ata o de agora o que fun conseguindo foron sobre todo premios en certames coas agrupacións, pero o obxectivo nunca foi acadar un resultado concreto nin un premio, senón que era unha escusa para traballar máis intensamente coa agrupación. Calquera premio que veña fai ilusión, claro que si, pero non é ningún tipo de obxectivo.

Algún proxecto de futuro?
De momento, pretendo establecerme coa Banda de Lalín e crear un proxecto o máis sólido posible coa duración que teña que ter, iso vaise vendo co paso do tempo; e continuar tamén coa dirección titular da Gran Canaria Wind Orchestra.

Comentarios