Unha degustación de cócteles pon o peche á Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

O cocteleiro profesional Diego Dasilva empregou augardente de Valga para elaborar catro combinados diferentes ante 25 persoas
undefined
photo_camera Diego Silva, con traxe de cor negra, presentando os seus combinados. CEDIDA

Para pechar a programación da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, así como o 'Agosto Gastronómico', os exteriores do Centro de Interpretación da Caña do País recibiron ao cocteleiro profesional Diego Dasilva, que realizou unha demostración de elaboración de cócteles en directo ante 25 persoas.

Empregou como ingrediente estrela a augardente de Valga -nas súas variedades máis tradicionais: branca, de herbas e tostada- para preparar catro combinados pensados específicamente para esta cita. A degustación comezou co 'Oroliu', inspirado no mojito, e que mistura caña branca, lima, herba luisa e azucre. Do frescor desta proposta pasouse á dozura do segundo cóctel, unha verdadeira lambetada que combinaba xeado de chocolate, angostura, caña tostada, caramelo líquido e xarope de framboesa.

'Explosión' foi o nome da terceira bebida que Diego Dasilva preparou en vivo. Caña de herbas, tónica, mazá verde e curri en po provocaron un auténtico estalido de sabores na boca dos participantes. Para pechar a degustación regresou o doce co cóctel "Freviant", con base de caña branca e crema de augardente, amorodos, esencia de vainilla e azucre.

Durante todo mes de agosto, os chefs de Indo e Vindo Gastronomía, Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña, ofreceron showcookings e unha cata-maridaxe coas que amosaron a versatilidade culinaria dos dous produtos que se exaltan na festa.

Ademais, realizouse un obradoiro de cociña ao que asistiron vinte nenos e varios concursos, coma o 'Anguía Chef', no que mozos de 13 a 18 anos competiron por ser os mellores cociñando o preciado peixe. Tamén se organizaron senllos concursos de fotografía e receitas.

Comentarios