Denunciadas dúas persoas en Lalín por danar o mobiliario público da vila

Un mozo arrancou sinais da rotonda da rúa Regueiriño e unha saída de vía provocou a rotura de varias árbores detrás da Casa Consistorial
rotonda regueiriño
photo_camera Acto vandálico da rúa Regueiriño. DP

Dúas persoas foron denunciadas o pasado domingo por danar mobiliario público. Un dos casos foi debido a un acto vandálico acontecido de madrugada, mentres o outro tratouse dun accidente que, tras ocasionar danos, o conductor deuse á fuga.

O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Responsable da Policía Local e Protección Civil Pablo Areán, informou que "por unha banda, preto da 1.00 horas da madrugada do domingo 30, un mozo que responde ás iniciais de A.R.P. foi identificado como autor dun acto vandálico contra o mobiliario público". Os danos causados foron contra "uns sinais que se arrancaron da rotonda da rúa Regueiriño, e polo cal a Policía Local de Lalín procedeu a incoar expediente á Subdelegación do Goberno por "danos a mobiliario de bens mobles ou inmobles de uso ou servizo público, así como de bens mobles ou inmobles privados na vía publica".

Areán destaca tamén que ese mesmo día "a iso das 16.00 horas deuse á fuga un vehículo Seat a altura da Rúa Caracas en dirección á Avenida Xosé Cuíña, o cal tivo unha saída de vía e colisionou contra as xardineiras que se atopan pola parte de atrás da Casa Consistorial, ocasionando a rotura de varias das árbores que se atopan alí".

O edil informa que "segundo puido coñecer a Policía Local, a persoa titular do vehículo autor deste acto responde ás iniciais de R.T.P. o cal puido ser localizado grazas ás testemuñas veciñais da zona no momento do acto e procederá a aplicárselle a sanción correspondente por este feito".

Comentarios