A Deputación financia unha senda peonil e ciclista na lagoa de Porto Piñeiro

O presidente, Luis López, realizou a súa primeira visita institucional a Valga para asinar o convenio
O presidente da Deputación e o alcalde de Valga. DP
photo_camera O presidente da Deputación e o alcalde de Valga. DP

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou o Concello de Valga para asinar co alcalde, Jose María Bello, un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 520.000 euros -o 85 % do orzamento-, os traballos para a construción dunha senda peonil e unha vía ciclista na contorna da lagoa de Porto Piñeiro. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante, uns 90.000 euros.

"Quero felicitar ao alcalde e ao seu equipo de goberno por apostar por un proxecto que encaixa á perfección co que promove esta Deputación, que é o deporte, unha das nosas bandeiras, e a construción de espazos saudables no medio natural", declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025 e a obra, valorada en case 615.000 euros, servirá para dar continuidade á primeira intervención deste tipo realizada na zona sur da lagoa, un proxecto que transformará un espazo abandonado, cheo de especies invasoras nun espazo de gran calidade ambiental a través da creación de zonas de tránsito para peóns e ciclistas, así como zonas de estancia equipadas.

Comentarios