Dez anos sen o creador Paco Lareo

O Museo Ramón María Aller de Lalín acolle a exposición itinerante 'Quentiños da Forxa', que recolle máis de 30 obras de recoñecidos artistas que iniciaron as mesmas na Solaina de Piloño
Inauguración da mostra. DP
photo_camera Inauguración da mostra. DP

O vindeiro 14 de outubro cúmprense dez anos do pasamento de Paco Lareo, creador de Vila de Cruces, referencia indiscutible da arte e a cultura do rural galego.

Francisco Lareo (Piloño, Vila de Cruces, 1938) desenvolveu dúas traxectorias de xeito paralelo: a primeira, iniciada en Venezuela, foi como creador, da que deixou abundantes exemplos de traballos en pintura e escultura; e a segunda foi como dinamizador sociocultural, sobre todo do rural galego, unha faceta que realizou a través da Fundación A Solaina (primeiramente asociación cultural O Labrego) que presidiu ata o ano anterior á súa morte. Lareo, aqueixado da enfermidade de Parkinson, foi sucedido entón no cargo pola súa irmá Carmen.

Para conmemorar estes dez anos sen o creador cruceño, a Fundación acaba de poñer a andar a mostra itinerante Quentiños da Forxa, que recalou o pasado venres no Museo Ramón María Aller de Lalín. Dita exposición exhibe máis de 30 obras de recoñecidos artistas principalmente galegos que iniciaron as mesmas na Casa Museo A Solaina de Piloño, e que forman hoxe parte da extensa pinacoteca da Fundación Paco Lareo.

Laxeiro, Sucasas, Quintana Martelo, Paco Pestana, Manolo Moldes, Álvaro Negro, Wily ou Antón Lamazares son algúns dos nomes que adornan as paredes do museo lalinense. A mostra estará aberta ata o vindeiro 16 de setembro, logo do cal viaxará ata a localidade veciña de Rodeiro, para ir posteriormente a Vedra, Bandeira, Santiago de Compostela e pechar a viaxe no concello natal do artista Paco Lareo, Vila de Cruces.

A exposición percorre así un itinerario coincidente co Camiño de Inverno e que da carácter a mesma, precisamente financiada con cargo ao programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e que conta así mesmo coa colaboración do Concello de Vila de Cruces.

A presidenta da Fundación, Carmen Lareo, afirma que para «os moitos amigos que tiña Paco saberán hoxe que se cumpre un novo soño no décimo aniversario do seu pasamento, xa que sempre quixo que estas obras conformaran unha exposición, por certo inédita, que destacará o valor de A Solaina para todo o mundo das artes plásticas».

Comentarios