Tres doazóns enriquecen os fondos da Escola Municipal de Música de Caldas

Veciños do Concello doan un piano de comezos do século XX, unha trompa e unha colección bibliográfica sobre a historia da música
2020082112091712478
photo_camera O piano que agasallou a Escola un dos veciños de Caldas. CEDIDA

A Escola Municipal de Música de Caldas de Reis acaba de recibir tres importantes doazóns por parte doutros tantos veciños da localidade, que supoñen unha achega de gran valor para enriquecer os fondos instrumentais e bibliográficos do centro. En todos os casos, as persoas doantes prefiren permanecer no anonimato, mais a concelleira de Cultura, María López, quixo transmitirlles o "agradecemento en nome da Escola e de toda a cidadanía de Caldas por un xesto solidario que nos causa gran ilusión e que fai que o proxecto das ensinanzas musicais neste concello non pare de crecer".

Por un lado, a Escola recibiu un piano vertical de madeira en cor marrón e negra da emblemática marca inglesa Joseph Wallis and Son LMTD. Trátase dun instrumento de comezos do Século XX. Foi entregado xunto cunha banqueta fabricada en madeira e tapizada en tea. A persoa donante destaca que o fixo en agradecemento ao trato e formación que recibiron na Escola de Música varios membros da súa familia.

Tamén recibiu a doazón dunha trompa, un dos instrumentos fundamentais da sección de metais da maior parte das formacións musicais clásicas. Estes instrumentos alcanzan no mercado un importante custe económico. Finalmente, tamén se sumará aos fondos da Escola unha colección bibliográfica e fonográfica sobre a historia da música que foi doada por outro veciño.

Coincidindo co 25º aniversario da Escola Municipal de Música, o vindeiro curso académico estreará as novas instalacións situadas na parroquia de Santa María, que tamén servirán para acoller outros usos institucionais ademais dos musicais. O proxecto tivo un orzamento dun millón de euros e está financiado principalmente pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Investimentos en Equipamentos e Dotacións Únicas na Mellora do Reequilibrio Territorial dos Servizos.

O prazo de reserva de praza para os alumnos que se matriculen por primeira vez de cara o curso 2020/2021 xa está aberto. Admite nenos e nenas dende os 4 anos e sen límete de idade. De feito, cada ano conta cun bo número de adultos cursando estudos. Na Escola impártense todas as disciplinas instrumentais: vento metal, vento madeira, corda e percusión, así como linguaxe musical, harmonía ou música en movemento.

Tamén se preparan cursos de acceso ao conservatorio e se poñen en práctica os coñecementos musicais a través de diferentes conxuntos instrumentais. O curso pasado cubríronse 180 prazas nas diferentes especialidades ofertadas nun centro que conta con 8 profesores.

Comentarios