O ecosistema fluvial de Caldas de Reis recupera o equilibrio

As actuacións de mellora ambiental consistiron, principalmente, na limpeza e eliminación de plantas exóticas e invasoras
Operarios traballando nun lateral da casa do Concello. CEDIDA
photo_camera Operarios traballando nun lateral da Casa do Concello. CEDIDA

Finalizaron o martes os traballos que se viñan realizando nas pasadas xornadas para a eliminación de plantas exóticas e invasoras nas marxes do tramo urbano do río Umia e tamén na ponte da Ferrería da estrada N-550, na Casa do Concello de Caldas e na marxe dereita entre o Muiño e o Xardín Botánico.

A presenza de especies invasoras nesa zona que foron colonizando as marxes do río e outras zonas da contorna impedían o normal desenvolvemento de especies herbáceas, arbóreas e arbustivas autóctonas, provocando un desequilibrio no ecosistema fluvial, o que nun futuro podería ter consecuencias irreversibles para a fauna e flora da bisbarra.

As actuacións de mellora ambiental consistiron na limpeza e eliminación de especies invasoras, o roce selectivo de vexetación arbustiva con medios manuais, incluídos resalveos e podas necesarias, clareos de pes sobrantes e retirada de restos de ramaxe ou árbores mortas, controlando así a vexetación invasora con corta manual de árbores de especies alóctonas.

Algunhas das plantas que foron eliminadas están incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, como Acacia melanoxylum, Tradescantia fluminensis ou Ipomea indica. Outras son especies exóticas alleas ao noso ecosistema fluvial e poden competir coas especies propias do mesmo, polo que considerouse conveniente a súa eliminación. Trátase por exemplo de Bidens sp, Delairea odorata, Crocosmia x crocosmiflora, Erigeron karvinskianus, Persicaria capitata, Phytolacca americana, Delairea odorata.

O Concello de Caldas de Reis investiu nesta necesaria actuación preto de seis mil euros do seu orzamento, e ten solicitada unha subvención ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia dedicado á conservación, reposición e restauración do ambiente. O Concello caldense ten previsto programar ao longo deste ano 2021 outras actuacións de control e eliminación de plantas invasoras noutras zonas do termo municipal e un programa específico para a eliminación da Egeria densa no tramo urbano do cauce do río.

Os traballos foron realizados pola empresa Copasa en base ao proxecto redactado polo enxeñeiro agrícola José Recamán, especializado en traballos en entornos fluviais e que tamén dirixiu a súa execución.

A actuación conta cos informes favorables de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente da Xunta. Os traballos programados desde o ano pasado tiveron que pospoñerse ata a obtención dos informes sectoriais e a redución do caudal do río Umia, que nos pasados meses presentaba os habituais efectos das abundantes chuvias que caen ao longo das tempadas de outono e inverno.

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras do municipio termal, Manuel González, destaca que "con esta actuación ordenada e planificada técnicamente melloramos o ecosistema fluvial do Umia no seu tramo urbano, eliminamos as especies exóticas e invasoras e potenciamos o desenvolvemento das especies autóctonas". "Ao mesmo tempo", engade o edil caldense, "poñemos en valor a ponte da Ferrería e o edificio do Concello, que será obxecto dun proxecto de restauración das súas fachadas para evitar o crecemento de vexetación nos propios paramentos".

Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou o compromiso do goberno municipal do Concello coa protección da biodiversidade e a conservación dos ecosistemas fluviais, sinalando que "esta actuación forma parte do recoñecemento de Caldas de Reis no certame de "Vilas en Flor" que ten unha compoñente importante na posta en valor e a integración da vexetación na paisaxe urbana e tamén fluvial".

Comentarios