Elena Ferro: "De pequena os meus xoguetes eran as ferramentas e o taller"

Detrás do traballo desta cruceña hai un interese que pesa máis que o económico, que é manter vivo o oficio de zoqueiro e divulgar a cultura e a tradición do rural galego. O seu taller, Eferro, acaba de ser incluído agora na guía Homo Faber de excelencia europea
Elena Ferro. SUSANA MILNES
photo_camera Elena Ferro. SUSANA MILNES

Cantos anos leva Eferro mantendo vivo o oficio de zoqueiro?
Desde 1915. Comezou meu avó. El aprendeu o oficio de pequeno. Estivo sete anos na emigración, en Cuba, pero despois volveu e estivo sempre traballando de zoqueiro. Despois continuou miña tía Gripina, a irmá maior de meu pai, que sempre traballou con el. Eu ao meu avó non o coñecín porque faleceu no ano 1968, e eu nacín no 75. De pequena os meus xoguetes eran as ferramentas e o taller. A medida que ía medrando ía vinculándome máis ao taller, e a verdade é que non me custou nada tomar a decisión de seguir traballando nisto sempre. Os zocos ao final dos anos 70 empezáronse a deixar de usar e en moi pouco tempo case desapareceron todos os talleres que había. A xente foi cambiando de oficios e de traballos. E nós empezamos a facer máis artigos de coiro: cintos, carteiras, bolsos... e con iso conseguimos manter o taller sempre aberto, porque nos anos 80, 90... ata o 2010 non poderíamos vivir só facendo zocos. A marroquinería foi o que nos axudou.

E agora teñen éxito os zocos?
Si. Neses anos estabamos nun 80% de ventas e un 20% de zocos, e agora é ao revés, un 80% zocos e un 20% marroquinería.

No 2019 vostede gañou o Premio Nacional de Artesanía. Que supuxo isto para vostede e para o negocio?
Para nós, para todo o taller, foi un orgullo moi grande ter un recoñecemento así a todo este tempo de traballo. É moi gratificante que recoñezan o teu traballo, temos moita sorte de que nolo deran. Tamén está traballado, por suposto, non foi unha lotería, xa que se non traballaramos todo o que traballamos tampouco nolo darían. Custou, pero é un orgullo para nós. E tamén sobre todo porque ten máis visibilidade o noso oficio. Un recoñecemento así a nivel estatal significa que chegaron os zocos moi lonxe. A miña labor sempre é intentar que a xente saiba de onde veñen, de onde saíron os zocos, coñecer a súa historia, que é a nosa historia, e para que tamén valoren o que levan nos pés.

Ata onde chegan os zocos de Eferro?
A verdade é que grazas á páxina web e ás redes sociais chegamos a todas partes. O máis lonxe sempre digo que é Nova Zelanda porque é o sitio máis lonxe que se pode ir dende aquí. Alí hai zocos nosos, e en moitos outros sitios: en América en xeral, Europa,... e iso é grazas ás novas tecnoloxías e ás redes sociais. Eu empecei a facer unhas montaxes sacando un pouco de contexto os zocos, contando pequenas historias, tamén para sacarlle un sorriso á xente, tirando da retranca, e iso fixo que pouco a pouco fósemos tendo moitos seguidores, que para ser un taller tan pequeno como o noso son moitos. E chegas a moitísima xente. Si que a maioría dos nosos clientes están aquí, pero despois en calquera parte do mundo. E as redes sociais o que fixeron tamén é axudarnos a facer marca, que a nosa marca se recoñeza.

"O orgullo máis grande que podo ter é que o oficio de zoqueiro non desapareza e que non morra"

Encárgase vostede das montaxes que publica nas redes sociais?
Si. Empecei como un xogo e converteuse nun traballo máis dos que teño que facer. Non me dedico a iso só, xa me gustaría, porque é unha parte que me gusta moito facer, xa que para min é como unha válvula de escape: pensar o que vou facer, logo preparar toda a montaxe, o escenario... como son moi variadas, depende do que sexa levan un pouco máis de tempo ou menos. E logo sacar a foto e subila. Hai moita xente que pensa que nolo fai unha empresa de redes ou de marketing pero facémolo nós. Tamén penso que facéndoo eu persoalmente póñolle a miña visión, a visión do meu traballo, e por iso a min me resulta máis fácil e penso que chega máis á xente. Normalmente poño unha publicación á semana. Logo depende un pouco do traballo que teña no resto do taller. Hai semanas nas que publico algunha máis...depende, pero como mínimo fago unha publicación á semana. E a verdade é que a xente sempre nos felicita, gusta moito. Hai un pouco de todo...algunhas son un pouco máis ácidas que outras, pero todas teñen unha mensaxe.

Agora tamén Eferro acaba de ser incluída na guía Homo Faber de excelencia europea.
Si. É un pasiño máis para que máis xente coñeza o noso traballo. Sempre penso que canta máis xente coñeza a nosa cultura é o importante, aínda que iso non significa que vaias a vender máis. Trátase simplemente de estar aí. O orgullo máis grande que podo ter é que este oficio non desapareza e que non morra, iso é o que me preocupa. E dignificar o calzado, os zocos, porque era un calzado que estaba moi denostado . E que sexa un calzado máis. Nunca pretendín que fose un calzado de moda, senón que se alguén quere zocos que saiba que aínda se fan, que hai zocos. E agora xa hai máis talleres que os fan, e iso para min é un orgullo.

Semella que para vostede é máis importante manter a tradición que o tema económico.
O obxectivo final para min nunca foi o económico, pero grazas a iso eu, a miña familia e a xente que traballa con nós, podemos comer todos os días. E esa parte é importante. Pero para min persoalmente, facendo un traballo sen ese interese económico penso que chego mellor á xente. Porque transmito o que sei facer, o que aprendín e de onde saín. Ao mesmo tempo o que fago, sen querer facelo comercial, convértese en comercial. Eu cando comecei a facer as montaxes en redes sociais facíaas porque me gustaban, non as facía con interese económico. Por suposto que non deixamos de ser un taller que temos que vender para vivir, pero si que o meu obxectivo principal nunca foi ese.

Como afectou a pandemia do coronavirus e que non se celebrasen feiras de artesanía a Eferro?
A pandemia afectounos moito, como á maioría de pequenas empresas e talleres. A nós onde máis nos afectou foi nas feiras, que agora se están empezando outra vez a facer despois de dous anos. Pero durante este tempo fixemos dúas ou tres nada máis, e para nós a venta nas feiras supón un ingreso importante, ao mellor un 40 por cento dos nosos ingresos. Pero fómonos adaptando. Subiunos máis ás ventas online porque a xente ao non poder saír compraba por internet, e isto compensou un pouquiño a outra falta. Eu penso que hai que aprender de todas as situacións e sacar a parte máis positiva de cada momento, e nos momentos de crise é cando xorden tamén ideas boas, xa que cando estamos acomodados parece que nos estancamos máis, e en momentos máis duros a mente actívase máis. Nós o que fixemos foi ter as redes máis activas e iso tamén nos axudou. Os humanos temos a sorte de adaptarnos ás situacións e nós intentámolo facer da mellor maneira posible. Agora a ver se pouco a pouco vamos retomando a normalidade sen esquecer o que pasou para non volver aos malos vicios.

Comentarios