O Estado rexeita abrir un centro de exames da DGT no concello de Lalín

O deputado do BNG Néstor Rego levou ao Congreso esta proposta, logo de ser aprobada por unanimidade no Pleno da capital dezana
O deputado nacionalista Néstor Rego. DP
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego. DP

O Goberno do Estado deu carpetazo á petición do BNG de abrir un centro de exames da Dirección Xeral de Tráfico en Lalín para a obtención do permiso de conducir.

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, denuncia a negativa a esta proposta, que obtivo o respaldo de todos os grupos políticos da Corporación lalinense. Entende que a capital do Deza reúne todas as condicións necesarias para a súa instalación e conta con maior poboación que outros concellos que xa gozan deste servizo.

A idea, defendida pola organización nacionalista a través de iniciativas rexistradas na cámara baixa, procura eliminar o grave prexuízo que supón, tanto para o alumnado como para as autoescolas lalinenses, os desprazamentos diarios ata Pontevedra para realizar as prácticas e exames, mais a Administración estatal xustifica a decisión afirmando a existencia de dous centros: un en Vigo e outro en Pontevedra.

"A viaxe diaria que teñen que realizar os alumnos das autoescolas de Lalín e outras localidades limítrofes até Pontevedra para realizar as prácticas e o propio exame para a obtención do permiso de conducir supón graves prexuízos de tempo e diñeiro", subliña o deputado do BNG, que calcula un mínimo de tres horas de viaxe entre a ida e a volta. A este argumento hai que sumarlle que a vila de Lalín cumpre todas as condicións que se precisan para instalar un centro de exames teórico e práctico. "Conta cun tramo de autoestrada libre de portaxes, rotondas no casco urbano e semáforos en zonas próximas", enumera Rego.

A organización nacionalista entende que é precisa a descentralización deste tipo de exames e permitir que concellos como o e Lalín non saian prexudicados. Na actualidade, concellos con menor poboación que o municipio pontevedrés xa contan coa prestación deste servizo. "O caso de Foz, con 10.000 habitantes, Monforte de Lemos, con 18.300, ou O Barco de Valdeorras, con 13.400, son algúns dos concellos que teñen cifras menores ás de Lalín, que con máis de 20.000 habitantes tamén destaca por contar cunha intensa circulación e un casco urbano moi desenvolto", asevera Rego.

Así mesmo, a apertura dun centro de exames no Concello de Lalín tamén suporía a redución das viaxes para prácticas e o exame final. "Débese ter en conta que, na actualidade, o prezo dos combustíbeis é elevado o que encarece de maneira considerábel o desprazamento entre Lalín e Pontevedra, o que repercute negativamente nas autoescolas e tamén no prezo das prácticas pagadas polo alumnado", explica o deputado do BNG.

Comentarios