A Estrada inicia os preparativos do San Paio coa instalación do alumamento

O vindeiro mércores iniciarase a colocación das atraccións, que darán servizo entre os días 17 e 28 de xuño
Gonzalo Louzao visita as atraccións na celebración do San Paio 2022. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Gonzalo Louzao visita as atraccións na celebración do San Paio 2022. PATRI FIGUEIRAS

O Concello da Estrada iniciou este mércores os preparativos para as festas patronais de San Paio coa instalación da iluminación que engalanará as rúas estradenses ao longo dos festexos, que terán lugar desde o 23 ata o 27 de xuño. O acendido terá lugar o día 23, día de inicio das festas.

Así mesmo, o mércores 14 de xuño dará comezo a instalación das atraccións no campo da feira. Polo tanto, coa finalidade de non interferir coa actividade comercial, ao celebrarse a feira semanal en dita data, os traballos darán comezo a partir das 17.00 horas dese mesmo día, e prolongaranse durante toda a xornada do día seguinte, xoves 15 de xuño.

Ante esta situación, os mércores 21 e 28 de xuño a feira trasladarase ao párking da rúa Iryda e á rúa Ponteareas.

Co propósito de ofrecer as maiores condicións de seguridade posibles, o Concello contratou os servizos dunha empresa especializada para realizar unha inspección técnica coa que garantir a correcta montura e funcionamento das atraccións, que darán servizo desde o día 17 ata o 22 en horario de 18.00 a 22.00 horas, durante as festas o horario prolongarase desde as 18.00 ata as 3.00 horas e o día do neno, 28 de xuño, estarán dispoñibles de 18.00 ata as 22.00.

Deste xeito, dase comezo aos preparativos dunhas festas nas que A Estrada contará coas actuacións de agrupacións de referencia no panorama internacional como Tanxugueiras e Carlos Baute.

Comentarios