A Estrada lanza a app 'Benquéro(ME)' para combater a violencia machista

Esta ferramenta inclúe tests de autoavaliación, recomendacións e un espazo de consultas
Presentación da app 'Benquéro(ME)'. CONCELLO
photo_camera Presentación da app 'Benquéro(ME)'. CONCELLO

O Concello da Estrada acaba de lanzar a aplicación móbil gratuíta Benquéro(ME), unha ferramenta impulsada desde o Centro de Información á Muller (CIM) que nace co obxectivo de promover a igualdade e previr a violencia machista entre a mocidade estradense.

Nesta nova app pódense atopar, entre outras funcionalidades, un test de autoavaliación para homes e mulleres, co obxectivo de coñecer se están a ser vítimas de violencia machista ou están a exercela nas súas parellas; un test con explicacións para desmentir mitos ou estereotipos sobre a violencia machista; unha serie de recomendacións xenéricas baseadas en casos reais; pasos que deben seguir se teñen coñecemento dalgunha situación deste tipo de violencia ou se a están a sufrir; e recursos dispoñibles aos que acudir.

A concelleira de Igualdade, Amalia Goldar, presentou o martes esta aplicación acompañada da directora do CIM da Estrada, Marga de la Calle, e da representante de ReTnova Lara Fuentes.

A edil popular destacou que esta iniciativa, financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e deseñada en colaboración coa empresa ReTnova, "é froito de varios meses de traballo para conseguir crear un recurso atractivo, fácil e útil, capaz de chegar á poboación dunha maneira efectiva", e expresou o seu desexo de que "teña un bo recibimento entre a mocidade". Neste senso, a edil adiantou que se realizará unha campaña de divulgación desde o Concello a través dos centros educativos da Estrada para presentar esta ferramenta e explicarlles o seu funcionamento aos estudantes.

A directora do CIM da Estrada, Marga de la Calle, explicou que esta aplicación xa está dispoñible para descargar tanto en dispositivos iOS como nos Android e que é útil "tanto para homes como para mulleres".

"Temos a esperanza de que con ferramentas coma esta se poida atallar este problema crecente entre a mocidade e axudar ás mulleres a tomar a decisión", engadiu de la Calle.

A maiores, a directora do Centro de Información á Muller do concello estradense explicou que "co obxectivo de manter viva a aplicación", conta cun apartado de novas "que se irá actualizando coas actividades que se desenvolverán neste eido desde o Concello" e mais cunha caixa de consultas ou suxestións "para facela máis participativa e aberta".

Comentarios