A Estrada recupera a súa Feira da Xuventude o 24 e 25 de setembro

O evento, que chega a súa segunda edición, será gratuíto, ofrecerá 60 actividades e contará con observadores que captarán novos talentos
Presentación da Feira da Xuventude na Casa Consistorial. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Presentación da Feira da Xuventude na Casa Consistorial. PATRI FIGUEIRAS

O pavillón Manuel Coto Ferreiro celebrará os días 24 e 25 de setembro a Feira da Xuventude despois de dous anos de parón pola pandemia e contará coa participación de 53 colectivos e emprendedores.

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou o evento acompañado dos directivos da Asociación Recreativa, Cultural e Educativa Ocionautas Annie Sánchez e Alonso de la Cantera; e da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel. Na súa intervención, o edil popular estradense agradeceu o labor de Ocionautas, organizadora do evento, e mais da Xunta de Galicia, colaboradora xunto co Concello da Estrada.

"As administracións públicas debemos amosar o noso compromiso con iniciativas coma esta, que potencien o talento e brinden oportunidades de futuro para a nosa mocidade", asegurou Juan Constenla, e engadiu que "debemos aproveitar este escaparate con ideas revolucionarias en sectores como a artesanía, a tecnoloxía, a ciencia, a cultura ou o deporte para que sigan crecendo e creando".

Pola súa banda, Cristina Pichel, asegurou que a feira "é unha boa oportunidade para a mocidade da contorna para coñecerse, aprender e intercambiar contactos para que poidan xurdir novos proxectos froito destas alianzas".

Neste senso, a secretaria de Ocionautas, Annie Sánchez, agradeceu o apoio das administracións "para materializar este proxecto, creado coa intención de que tanto emprendedores como colectivos creen sinerxías".


Sábado, 24 de setembro

As actividades enmarcadas nesta segunda edición da Feira da Xuventude darán comezo o sábado 24 de setembro ás 12.00 horas con exhibicións de xogos de mesa e charlas sobre o movemento LGBT+ ou sobre cómo emprender no mundo da arte. Ás 13.00 horas, a asociación Pegadas Culturais realizará unha mostra das súas actividades; celebraranse varias probas de jugger para dar a coñecer este deporte; e haberá unha charla sobre a Asociación Entropía.

Xa pola tarde, ás 15.00 horas, haberá dous obradoiros de iniciación no airsoft e de introducción á creación de personaxes. Ás 16.00 horas, actuará o grupo de teatro Cajón de Sastre; a asociación xuvenil Arousa Moza realizará un concurso; Latexo Percusión ofrecerá un obradoiro gratuíto de percusión afrobrasileira; haberá unha demostración de highline; e o grupo de fútbol americano Blackravens ofrecerá unha charla informativa. Ás 17.00 horas, a asociación UVigo Motorsport explicará cómo se fabrica un vehículo; Magic Stride achegará aos participantes o xogo de cartas Magic The Gathering; e a asociación Slackline Na Ría abordará as modalidades e os beneficios da práctica do slackline. Ás 18.00 horas haberá obradoiros de creación de xogos de mesa e de iniciación ao slackline e, ás 19.00 horas, a asociación Izel presentará o seu proxecto internacional de skateboarding solidario.

Á noite, a partir das 22.00 horas, están programados varios concertos na Zona dos Viños protagonizados polas seguintes agrupacións: GoldenWolves, Latexo Percusión, Overlook237 e Gbriek.


Domingo, 25 de setembro

A xornada do domingo 25 comezará ás 11.00 horas coa representación dramática da escritora Paula Cascallar. Ás 12.00 horas, o autor Efrén presentará os seus libros; Explicit Prods ofrecerán un obradoiro de edición de imaxes; e a asociación Rotting Pizza celebrará un concurso de pintar miniaturas. Ás 13.00 horas haberá varias charlas sobre obras pictóricas, deportes de montaña e a participación social. Ás 15.00 horas, XenTD100cia ofrecerá a charla Son demasiado pequenos, a verdade da ciencia na infancia; Gbriek ensinará a producir música a nivel profesional; e Delta Operators realizarán entrenamentos de airsoft. Ás 15.30 horas comezará o encontro amistoso de roller derby entre o Irmandiñas, Jabatas e Negra Sombra. Ás 16.00 horas, UVigo Aerotech explicará cómo se fabrica un avión e a asociación Blackwater ofrecerá un obradoiro de iniciación ao airsoft. Ás 17.00 horas, Yumivigo realizará un obradoiro de iniciación ao cosplay e á caracterización; Blackravens levarán a cabo unha exhibición de fútbol americano; e Jugger Galicia ofrecerá unha charla sobre este deporte. Finalmente, ás 18.00 horas rematarán as actividades coas charlas sobre quidditch, por parte de Quidditch Galicia, e a de Javier Cabalar sobre adestramento canino.

Comentarios