A Estrada sae á rúa en defensa do galego

Centos de nenos e nenas de nove centros educativos de Tabeirós-Terra de Montes percorreron as rúas da vila co lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra' como estandarte
Centos de nenos portaron pancartas con diferentes lemas en defensa da lingua. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Centos de nenos portaron pancartas con diferentes lemas en defensa da lingua. PATRI FIGUEIRAS

Centos de nenos e nenas do municipio da Estrada saíron este mércores á rúa para reivindicar o dereito dos galegos e galegas a vivir na nosa propia lingua. Esta carreira puxo o colofón a todas as celebradas por toda a provincia en defensa do idioma.

Baixo o lema Na casa, na escola, bota a lingua fóra, e con distintas pancartas con lemas escritos que promoven o uso da lingua galega, e incluso coas súas linguas pintadas de azul, centos de alumnos e alumnas dos centros educativos estradenses percorreron as rúas da capital de Tabeirós-Terra de Montes, algúns deles chamando a atención da veciñanza con distintos instrumentos, como pandeiretas.

Alumnado do CEIP do Foxo, coa súa pancarta. P. FIGUEIRAS

En concreto, foron nove os centros escolares que participaron nesta carreira pola lingua: o IES Nº 1, o Antón Losada, o CEIP Pérez Viondi, o Figueiroa, o CEIP O Foxo, o Manuel Villar Paramá, o Cabada Vázquez e Oca. Ademais, de Forcarei tamén participou o IES Chano Piñeiro.

Nunha xornada no que afortunadamente o bo tempo acompañou ao alumnado na súa camiñata, leuse un manifesto, repartíronse diplomas e os pequenos e pequenas gozaron do concerto de Mekánica Rólling Band.

Comentarios