A Estrada e Silleda levan á vía online a conmemoración do Día de Rosalía de Castro

Lalín fará unha ofrenda floral este mércores diante do monolito á poetisa no Parque de Loriga, con música a cargo do gaiteiro Plácido Rozas
Presentación do vídeo homenaxe a Rosalía de Castro no Concello de A Estrada. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Presentación do vídeo homenaxe a Rosalía de Castro no Concello de A Estrada. PATRICIA FIGUEIRAS
Con motivo da celebración este mércores do Día de Rosalía de Castro, os concellos da comarca teñen previsto realizar accións conmemorativas, aínda que os actos oficiais foron suspendidos pola pandemia. A Estrada colgará na súa páxina web e nas redes sociais o vídeo co que todos os anos homenaxean á poetisa padronesa.

O traballo audiovisual estivo filmado polo realizador estradense Lucas Terceiro, coa colaboración musical da Fundación Sondeseu. Os protagonistas son veciños da vila pertencentes ao ámbito da mediciña e das emerxencias sanitarias. A intención é poñer en valor "a heroicidade de dos baluartes da nosa historia pasada e presente como son Rosalía e o noso sistema sanitario", apuntan do Concello.

O lema desta proposta é Mais ti vas indo e a explicación municipal é que o traballo "incide na capacidade de resistencia e resilencia que escritora e profesionais do sector sanitario amosaron e amosan fronte as moitas adversidades que lles tocou afrontar".

Pola súa banda, o Concello de Silleda organiza con motivo do Día de Rosalía un obradoiro virtual para as familias. Así, a través dun enlace na web municipal os participantes elaborarán unha rosa de papel, na que se poderán ler versos de Rosalía de Castro. Esta actividade súmase á proxección de textos da autora na noite do día 24, na fachada da Casa da Cultura, na praza Siñor Afranio, unha actividade que chega da man da Deputación de Pontevedra.

Por último, en Lalín farase unha ofrenda floral as 13.00 horas diante do monolito a Rosalía no Parque de Loriga. Tamén soarán o Himno de Galicia e Negra Sombra a cargo do gaiteiro Plácido Rozas. Ata finais de marzo a Biblioteca Municipal acolle unha exposición monográfica sobre a súa obra.

Comentarios