A estrutura do edificio do Manuel Rivera está case lista

O orzamento final desta obra é de 974.400 euros, dos que o Concello se fai cargo do 20% do total, e o restante vai a cargo de FEDER
Construción do edificio de uso social e económico na rúa Manuel Rivera. DP
photo_camera Construción do edificio de uso social e económico na rúa Manuel Rivera. DP

A responsable municipal da EDUSI e tenente de alcalde, Paz Pérez, afirmou o luns que a estrutura do edificio dotacional de uso social e económico do Manuel Rivero atópase moi avanzada, posto que xa ten totalmente construídas o soto, a planta de recepción as tres plantas e a planta baixa do volume anexo.

Paz Pérez declarou que tan só quedaría executar "un tramo da cuberta do edificio principal, xa que o resto é unha terraza, e a cuberta do volume anexo que é totalmente diáfano e ao que só lle falta o teito nesa primeira planta, que será a altura coa que conte, xa que a totalidade do seu espazo é aberta e presenta pechamentos acristalados".

Nesta construción de carácter social e económico presenta xa un gran volume de espazo, no que se sitúan unha ludoteca no soto, unha planta baixa acristalada na que se atopará a recepción e unha praza aberta e cuberta no volume secundario do edificio. Tamén contará cun salón de actos e un espazo multiusos totalmente aberto na primeira planta, dúas plantas dedicadas a promoción, emprendemento e posta en valor dos produtos lalineses e unha última planta destinada a asociacións.

O proxecto deste edificio naceu da necesidade de dar resposta a unha serie de carencias identificativas dentro do núcleo urbano do tecido social, económico e asociativo de Lalín. Ante isto, o Concello de Lalín propuxo o desenvolvemento dun edificio dotacional destinado a equipamento sociocultural no solar resultante da agrupación de dous solares preexistentes e tras executar a demolición das edificacións número 1 e número 3 da rúa Manuel Rivera. A proximidade do aparcadoiro municipal, dos centros educativos e doutros espazos públicos converten esta zona nunha crecente área de interese.

Ademais, esta construción entra dentro da política do Concello de reforzar o desenvolvemento local e urbano do municipio na selección de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, cofinanciadas mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Todo isto lévase a cabo a través da estratexia denominada Lalín Ssuma21. Enmárcase dentro dunha liña de actuación que busca a recuperación social do Barrio Manuel Rivera, posto que este barrio atopábase física e socialmente deteriorado.

O orzamento final desta liña de actuación é de 974.400 euros, dos que o Concello se fai cargo do 20% do total, uns 194.880 euros, e o 80% restante vai a cargo dos fondos FEDER, uns 779.520 euros.

Comentarios