Explosión de sabores no showcooking de coctelería 'moito máis que caña'

María Rey, no centro, preparou catro cócteles coa caña de Valga.  DP
photo_camera María Rey, no centro, preparou catro cócteles coa caña de Valga. DP

VALGA. Os showcookings do Agosto Gastronómico abandonaron, por un día, os fogóns para facer unha incursión no mundo da coctelería con María Rey como mestra de cerimonias elaborando catro cócteles de autor que deseñou especificamente para esta cita coa XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Empregou as augardentes brancas, de herbas e tostada gañadoras da última edición do Concurso Tradicional da Caña do País e destacou, durante a demostración, a calidade destes licores artesanais, o que abre as portas a combinacións e maridaxes practicamente ilimitadas con outros sabores.

María Rey é especialista en servizos de restauración dedicada á formación de profesionais do sector e á coordinación de eventos en toda Galicia. Dende hai máis de dúas décadas é tamén docente nas escolas de hostalería públicas dependentes da Consellería de Educación e ten traballado en multitude de eventos e bar shows. En 2015 foi gañadora, ademais, do campionato de gin tonics de autor.

Para a degustación que tivo lugar no Centro de Interpretación da Caña preparou catro cócteles que permitiron aos asistentes apreciar a caña de Valga con diferentes matices e intensidades.

Dous dos combinados elaboráronse con caña branca. Foi o caso de Pomelo branco, no que o mel, ginger ale e zume de pomelo acompañaban á augardente; e Cereixas con branca, cun proceso moito máis técnico no que as cereixas, froitos vermellos e hibisco se deixaron macerar na caña. A mestura resultante combinouse con limón e tónica e xarope de hibisco.

As outras dúas elaboracións incluíron as variedades de herbas e tostada da caña. En Herbas e mazás os ingredientes empregados, ademais da augardente, foron puré de mazá, zume de lima, xenxibre e escuma de albariño. A degustación rematou co cóctel Tostada con cacao, para o que se deixaron reducir en barrica a caña, viño Pedro Ximénez, xarope de arce e bitter de cacao.

Esta é a cuarta participación de María Rey na Festa da Anguía e Mostra da Caña, e o vindeiro sábado, día grande das celebracións, estará de novo no Parque Irmáns Dios Mosquera preparando outros cócteles que poderán adquirirse por 1 euro.

Comentarios