A exposición 'Camiños do Sur' fai a súa última parada en Caldas

A mostra, que impulsa a Deputación dentro do proxecto Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular, pode visitarse ata o 22 de setembro
Acto de presentación da mostra na praza do Camiño da vila termal. DP
photo_camera Acto de presentación da mostra na praza do Camiño da vila termal. DP

A praza do Camiño de Caldas de Reis é desde este xoves e ata o 22 de setembro a última parada da exposición itinerante Camiños do Sur, que impulsa no marco do proxecto europeo Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular a posta en valor do patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas da provincia cara Compostela, en concreto o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. Esta mostra da Deputación de Pontevedra foi inaugurada onte polo alcalde Juan Manuel Rey e o deputado provincial Manuel González, despois do seu paso por Pontevedra, Baiona, Tui e Redondela.

Camiños do Sur, que pola noite alumeará a praza do Camiño a través dun cubo retroiluminado coa imaxe da mostra, inclúe un mapa de gran formato cos percorridos dos camiños de Santiago que proceden de Portugal e atravesan a provincia de Pontevedra. Tamén presenta, en diferentes taboleiros, información relativa ás paisaxes, as vilas e cidades, persoas e culturas a carón dos camiños, deténdose nos percorridos e datos históricos, contrastes, relacións, similitudes, patrimonio, tradicións e gastronomía. O obxectivo da proposta é enxalzar a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran.

Xunto á Deputación de Pontevedra participan na iniciativa outras entidades do Estado e de Portugal, como as deputacións de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Sevilla, Ourense e Zamora, a Xunta de Estremadura, e, de Portugal, Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos.

O proxecto Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular, no que se enmarca a exposición, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados polo FEDER ao 75%.

Comentarios