Expourense e a Fundación Semana Verde de Galicia renovan a súa colaboración

Inclúe accións de promoción mutua co obxectivo de reforzar o desenvolvemento do sector feiral na comunidade galega
Rogelio Martínez (esquerda) e Ricardo Durán.
photo_camera Rogelio Martínez (esquerda) e Ricardo Durán.

A Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, e a Fundación Semana Verde de Galicia veñen de renovar o seu convenio de colaboración, o cal ten como obxectivo promover accións de cooperación que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na comunidade, en sintonía co espírito da Asociación Galega de Feiras (Agafe), e tamén, dun xeito particular, ao fortalecemento destes dous recintos.

Este acordo, que se iniciou en novembro do ano 2017, foi ratificado este martes por parte dos directores xerais de ambas as entidades, Rogelio Martínez (Expourense) e Ricardo Durán (Feira Internacional de Galicia Abanca).

O documento asinado inclúe accións de intercambio e promoción mutua nas citas feirais organizadas por ambas fundacións ao longo do ano.

Neste sentido, cabe destacar que os recintos de Ourense e Silleda suman catro das seis feiras celebradas en Galicia co Selo de Internacionalidade do Goberno de España. Así, Expourense organiza Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico), Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar) e Funergal (Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios). Pola súa banda, a Fundación Semana Verde de Galicia organiza a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, e os seus catro certames paralelos.

Comentarios