A extensión da fibra óptica chegou xa a 150 núcleos rurais do municipio de Silleda

Esta primeira dotación para a extensión de fibra óptica acometese a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento
Concello de Silleda. DP
photo_camera Concello de Silleda. DP

Un total de 150 núcleos rurais de distintas parroquias de Silleda dispoñen xa de cobertura de fibra óptica a través do programa Pebang 2019, que está a executar a empresa Telefónica dende o pasado ano.

O plan presentado pola compañía no seu día no Concello incluía nesta primeira fase a cobertura de máis de 3.200 fogares, se ben as obras para a extensión da rede se viron retrasadas por mor da pandemia.

Esta primeira dotación para a extensión de fibra óptica acometese a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento, co proxecto de extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades de poboación de Galicia.

Esta dotación permitirá que nas denominadas como zonas brancas, nas que non existe cobertura dun mínimo de 30 megas, poidan dispoñer desta tecnoloxía.

A día de hoxe xa contan con cobertura real 150 núcleos de poboación repartidos nas parroquias de Abades, O Castro, Saídres, Manduas, Ansemil, Martixe, Cortegada, Breixa, Carboeiro, Vilar, Taboada, Laro, Parada, Refoxos, Oleiros, Ponte, Silleda, Margaride, Graba, Escuadro, Rellas, Moalde e Negreiros. Hai outros lugares que xa están en situación de precobertura, se ben a rede se irá extendendo agora nos vindeiros meses cara a zona norte do municipio noutras parroquias.

"Na sociedade da información na que vivimos é clave que a cidadanía conte con estes servizos. Para Silleda, un municipio maioritariamente rural, o despregue de fibra óptica suporá un enorme avance na dotación de servizos", apunta o alcalde, Manuel Cuiña.

Comentarios