domingo. 21.07.2019 |
El tiempo
domingo. 21.07.2019
El tiempo

"Faremos que vivir no rural sexa un privilexio, non un problema"

Luis López. PATRICIA FIGUEIRAS
Luis López. PATRICIA FIGUEIRAS

Luis López Bueno é candidato do PSOE da Estrada

Logo de liderar as Xuventudes Socialistas da Estrada, irrompe con 25 anos na primeira liña política como candidato á Alcaldía. Que lle diría ós que poidan dubidar da súa valía pola súa xuventude?
Que a política non vai de idades, senón de ideas. Considérome capacitado para asumir o cargo, se non non estaría aquí. E conto co apoio dun equipo moi valioso.

Que lle ofrece o PSOE á Estrada que non ofrezan outras formacións?
Temos un programa moi completo, no que a creación de chan industrial público e as axudas ó comercio son chaves para reactivar a economía e frear a sangría demográfica. Apostamos pola política social e a atención ó rural, abandoado polo PP. Lograremos que vivir no rural sexa un privilexio e non un problema.

Cales son as fortalezas e debilidades da actual Estrada?
A gran debilidade é a falta de industria, dun motor económico que xere riqueza, obrigando á xente a marchar en busca de oportunidades. A fortaleza é que temos moito potencial e 20.600 veciños polos que vale a pena traballar. O día 26 temos a oportunidade reverter a situación, de traer novos tempos.

Se o 27M espertase como rexedor, cal sería a súa primeira decisión?
Teño claro que vou desenvolver o noso programa, pois é un contrato cos estradenses, pero a orde na que o faga non depende de min. A primeira medida dependerá da situación que me atope ó chegar ó Concello.

Logo de anunciarse a súa proclamación, manifestou que o PSOE deu a sorpresa designándoo candidato e que tamén a dará nas urnas. Que resultados augura?
Sabemos que temos o mellor proxecto para A Estrada. As sensacións son boas e o vento sopra a favor.

Pensa na posibilidade de que os resultados das municipais obriguen a facer pactos? Reeditaría o PSOE un bipartito?
A necesidade de pactar é unha posibilidade que todos debemos contemplar, mais confío en poder gobernar en solitario. No caso de ter que negociar, fareino en base a programas, non a siglas.

"Faremos que vivir no rural sexa un privilexio, non un problema"
Comentarios