Los cuatro candidatos a la alcaldía de Lalín responden a cómo afrontan este 28-M

► Catro persoas compiten na capital dezana por alcanzar a Alcaldía: José Crespo ao timón do Partido Popular, Rafael Cuiña con Compromiso por Lalín (CxL), Paco Vilariño como líder do BNG, e Alba Forno -única candidata que se presenta por primera vez, pois os outros tres repiten- ao fronte do PSdG-PSOE lalinense.
José Crespo, Rafael Cuíña, Alba Forno e Paco Vilariño. DP
photo_camera José Crespo, Rafael Cuíña, Alba Forno e Paco Vilariño. DP

José Crespo, candidato do PP: "Lalín é un dos concellos máis solventes de Galicia"

José Crespo. DP
José Crespo. DP

Despois de tres décadas como alcalde de Lalín, só interrompidas polo mandato do cuatripartito durante catro anos, que lle queda por ofrecer a Lalín?
Eu creo que cando un ten un proxecto para Lalín, e nós temos unha folla de ruta clara, podemos ofrecer o que nós dixemos que queríamos facer. O noso proxecto que presentamos para o ano 2019 era moi amplio, obviamente era imposible executalo nun mandato. Presentamos un proxecto que é a continuidade do anterior para que cando estea culminado Lalín sexa unha vila ou unha cidade de referencia en Galicia. Eu creo que nós somos a única candidatura que lle pode aportar unha estabilidade a Lalín, que lle fai moita falta. Se non hai estabilidade as cousas non funcionan. Teño xente moi formada e temos un equipo implicado. Así que eu creo que partindo de que somos a candidatura que máis estabilidade lle pode ofrecer a Lalín das catro que se presentan creo que é un activo importante para xunto co proxecto que temos poder executalo.

Deixa encamiñados grandes proxectos en Lalín. Cal destacaría?
Sen dúbida eu creo que o máis importante é a posta en funcionamento do CIS porque vai marcar un antes e un despois. A sanidade na comarca do Deza vai mellorar cualitativa e cuantitativamente; o de ter unha ambulancia máis sanitarizada está encamiñado. Pero sen dúbida o máis importante é que se poidan facer aquí os preoperatorios, as probas de anestesia… que lle aforremos á xente ir ao hospital de Santiago, que vaian só a operarse. Aparte do CIS, este ano comezarase a executar a cuarta fase do polígono Lalín 2000 e vai haber chan industrial novo; tamén a Gran Praza está encamiñada, xa temos os terreos, e creo que vai ser un revulsivo para esa améndoa central que queremos facer se temos a honra de gobernar en Lalín. E sen dúbida outro dos proxectos importantes é a pista de atletismo a carón do Lalín Arena, que contará tamén cunha piscina exterior, catro pistas de pádel e dous campos de fútbol 8. E o máis importante que pretendemos é darlle pulo ás aldeas, para que a xente se quede a vivir alí.

Confía na maioría que lle deixe gobernar de novo?
Eu chegado a estas alturas da miña vida política eu traballo para conseguir o mellor resultado dos posibles. O resto vai depender única e exclusivamente dos veciños. Eu non son nin triunfalista nin derrotista. Dicía Fraga que hai dúas formas de perder as eleccións: se pensas que están perdidas e se pensas que están gañadas. Eu non penso que están ganadas e moito menos penso que estean perdidas. Polo tanto imos loitar. Fixemos durante catro anos o mellor que puidemos, aí está para ver a nosa folla de ruta, está perfectamente claro o que se fixo e o que non, o que hai de novidade dende hai catro anos en Lalín e o que non, con pandemia incluída.

Que lle gustaría ter feito neste mandato que non fixo?
A min o que me gustaría é ver acabar o noso proxecto, pero era moi ambicioso. Claro que me gustaría ter máis adiantada a cancha de atletismo, ou a Gran Praza, cuxa negociación tivemos que parar na pandemia. Pero se algo me gustaría é que estivera funcionando o CIS, porque creo honradamente que sería un concelleiro máis como mínimo, porque unha cousa é o que llo contamos á xente, pero outra cousa é que o vexan. Se non houbera o problema dos materiais e non se retrasara seis meses, e agora en vez de estar acabándose estivera finiquitado e funcionando, sen dúbida melloraríamos o resultado que imos sacar. Pero non dependeu da execución do Goberno municipal, pois o Goberno estivo en todo, non collemos practicamente vacacións en catro anos e xestionamos como nunca traer programas e subvencións doutras administracións. Fixemos unha xestión responsable atendendo fundamentalmente ás cousas máis importantes que creiamos que era para Lalín e traendo doutras administracións todo o que foi posible, moito máis que a maioría doutros concellos de Galicia. Eu síntome moi satisfeito do labor do noso Goberno.

A débeda do Concello de Lalín. Será un problema para a xestión do próximo Goberno?
En absoluto. A oposición empregou esa cantinela no ano 2015 e ao mellor funcionoulles pero agora espero que non lles funcione, porque é absolutamente mentira o que eles din, que o Concello de Lalín é inoperativo. É ao revés, é sen dúbida dos concellos máis solventes de Galicia e atreveríame a dicir que de España. Que ocorre? Sobre a débeda hai que aclarar que cando pides unha axuda como no caso do IDAE, que nos deu unha subvención de seis millóns e medio de euros, nós pagamos a reforma integral do alumeado de todo Lalín. A día de hoxe nós temos pagado o cen por cen pero o Estado débenos catro millóns de euros. Polo tanto nós para pagar pedimos os cartos, pero cando veña a subvención do IDAE nós amortizamos iso, polo tanto a débeda non é o que eles din. A día de hoxe temos préstamos pedidos que non se utilizou nin un só euro dese préstamo. Todo o que pretenden contar é unha soberana mentira, é unha falacia e sobre todo é inmoral, porque eles saben perfectamente como é a verdade. Nós poñemos o concello a funcionar, e iso significa que hai que pedir créditos e pagalos, pero iso non significa ser insolventes. Nunca tantos cartos se investiron en Lalín en catro anos, nunca.

Despois de tantas campañas electorais ás súas costas, como afronta esta?
Afróntoa coa satisfacción do deber cumprido. Obviamente non vou en plan triunfalista nin moito menos. Podemos ganar e podemos perder. Nós traballamos para ganar, traballamos catro anos arreo, partímonos o espiñazo para traer cousas para Lalín, e creo que modestamente o conseguimos. Agora toca que o pobo de Lalín valore esa xestión e nos vote.

Rafael Cuiña, candidato de Compromiso por Lalín: "Quero un Lalín no que todos teñan as mesmas oportunidades"

Rafael Cuiña. DP
Rafael Cuiña. DP

Considera que ten posibilidades reais de volver a ser alcalde?
Evidentemente. Eu sempre digo que empecei a traballar na reconquista da Alcaldía o 15 de xuño do ano 2019, e polo tanto tanto eu creo que fixemos un traballo arreo para ser merecedores desa honra.

A pesar de perder un edil nas anteriores eleccións, nestes últimos catro anos Compromiso sumou apoios.
Apoios e no casco urbano tivemos no seu momento aínda máis votos. E a verdade é que creo que estamos en condicións de aumentar os apoios cara os próximos comicios e polo tanto ter máis posibilidades de recuncar no Goberno de Lalín.

Preséntase cunha candidatura renovada en máis dun 50%. Como definiría ás persoas que integran a lista de Compromiso por Lalín?
É unha candidatura equilibrada, de persoas con solvencia na súa formación. Eu busquei unha candidatura diametralmente oposta ao que fixo o Partido Popular no 2019, quero dicir, o Partido Popular buscou unha candidatura que lle puidera sumar apoios sen máis e así vimos como foi dende o primeiro minuto a súa xestión. Eu busquei unha candidatura de persoas que tamén ao día seguinte fosen capaz de levar xestión pública, que non é nada fácil. E polo tanto busquei un equilibro con moita xente do rural, a renovación e solvencia en canto á súa formación.

José Crespo deixa encamiñados proxectos como a Gran Praza ou a ampliación da zona deportiva do Lalín Arena. De chegar á Alcaldía, que medidas tomaría con estes proxectos?
Primeiro hai que ver en que estado quedan e o nivel de compromiso que hai con estes proxectos. A min o que me preocupa é que si volvo á Alcaldía vou recibir un Concello como no ano 2015, altamente endebedado. A día de hoxe hai máis de cinco millóns de euros, engadidos a estes once millóns de débeda, xa comprometidos para outro tipo de proxectos a pagar en varias anualidades; agora a cuestión da Relación de Postos de Traballo tamén vai facer un incremento de centos de miles de euros todos os anos… por iso anunciamos que íamos a facer unha auditoría de situación para mostrarllo ao pobo de Lalín.

Como pode afectar a débeda do Concello ao futuro Goberno?
Afecta evidentemente porque o Goberno do Estado anunciou que volven as regras fiscais cara ao 2024. É unha cuestión moi técnica que seguramente moita xente non entenda porque a moitos que estamos na política aínda nos costa entendela tamén; pero o que vai limitar é a posibilidade de gasto nos próximos anos. Estes anos o PP puido gastar todo o que quixo sen ningún tipo de problema e a pesar diso o incumprimento do seu programa electoral é por riba do 70%. E polo tanto temos que ver como van afectar estas limitacións cun nivel de débeda tan alta. No primeiro mes de mandato encargaremos unha auditoría para mostrarlle ao pobo de Lalín exactamente como está a situación e dicirlle que imos facer a ese respecto.

Que lle diría aos votantes indecisos?
Que hai unha alternativa evidente, que hai outro xeito de gobernar, que quero un Lalín no que todos teñan as mesmas oportunidades e non teñan máis oportunidades os que saen na foto electoral do partido do Goberno do momento.

Alba Forno, candidata do PSdG-PSOE: "Superar o resultado de Román Santalla é todo un reto"

Alba Forno. DP
Alba Forno. DP

É a primeira vez que concurrirá a unhas eleccións municipais como cabeza de lista. Como afronta esta campaña?
Si, é a primeira vez que presento como cabeza de lista e, de feito, son a primeira muller socialista lalinense en encabezar a lista. É unha campaña difícil, na que estamos a traballar moito para ofrecer unha alternativa efectiva ao Goberno que temos na actualidade. Encabezar un proxecto desta importancia é complexo e supón cargar con unha gran responsabilidade, pero conto cun bo equipo detrás e con moitas ganas e ilusión para darlle un xiro á política local.

De todos os partidos que se presentan en Lalín, vostede é a única cara nova. Como cre que afectará isto aos resultados?
Ofrecer unha visión diferente, nova e renovada eu creo que pode ser positivo. É certo que hai a desvantaxe de que non me coñecen tanto, aínda que levo catro anos na Corporación municipal, pero eu véxoo como algo positivo.

Nos anteriores comicios o PSOE sumou un edil. Espera continuar con esta tendencia alcista?
O meu obxectivo é mellorar aínda eses resultados, para iso estamos traballando. Manter ou superar o resultado acadado polo meu compañeiro Román Santalla é xa todo un reto, que asumo con moita forza.

Que proxectos considera primordial poñer en marcha en Lalín?
Primeiro, dar unha boa cobertura da sanidade en Lalín. Tamén en canto aos servizos de conciliación e das persoas dependentes, que son programas nos que hai moito que mellorar e que teñen moita importancia para a nosa veciñanza. O noso rural necesita, de unha vez por todas, estar totalmente saneado e moitas melloras urxentes.

Paco Vilariño, candidato do BNG: "Imos ser con diferencia a forza política que máis medre en Lalín"

Paco Vilariño. DP
Paco Vilariño. DP

Nos últimos comicios autonómicos o BNG gañou votos en Lalín. Para o BNG local isto en que se traduce?
Nas últimas eleccións galegas quedou demostrado que se pivota sobre dous proxectos: o do Partido Popular e con todo o que representa de pasado, de cacicadas, de desmantelamento de servizos públicos; e outra alternativa fronte a iso, clara e nítida, como é o BNG, que representa precisamente a defensa dos nosos servizos públicos, en cuestión tan básicas para Lalín como pode ser o tema da sanidade, da educación, do SAF, dos distintos servizos que nós promovemos a maiores para os nosos maiores e cativos.

Con que resultados se conformaría?
Non me conformo con menos que a Alcaldía. Nós vamos a por todas, cremos que temos o mellor equipo, experiencia, somos moi coñecedores das necesidades de Lalín, e o digo con total sinceridade e sen que soe con prepotencia. Estamos convencidos que imos ser con diferencia a forza política que máis medre no noso concello.

Como definiría o programa electoral do BNG?
Un programa realista, participativo, que sabe buscar que calquera veciño se sinta orgulloso do concello no que vive e polo tanto entendemos que é un programa que lle da solución a Lalín non só por catro anos senón moi moitos máis.

Que é o máis urxente que necesita Lalín?
Ter un goberno que goberne para a xente, que na súa axenda só priorice as necesidades da xente, que xestione os cartos públicos como se foran deles, non como están facendo, derrochando auténticas cantidades indecentes de cartos públicos.

Comentarios