Ferido de gravidade un mozo ao ser atropelado por un tractor en Lalín

Pese ás aparatosas lesións, o rapaz atopábase liberado e accesible
Ambulancia. EP
photo_camera Ambulancia. EP

Un mozo foi evacuado en helicóptero ao Centro Hospitalario Universitario de Santiago despois de ser atropelado por un tractor nunha zona de monte, no lugar de Sestelo, en Lalín.

Ás 8:30 horas da mañá de hoxe, unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda para un mozo ferido grave tras ser alcanzado por un vehículo agrícola.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron ao helicóptero medicalizado con base en Santiago para trasladar ao rapaz, que, pese á gravidade das lesións, atopábase liberado e accesible.

Axentes da Garda Civil e da Policía Local foron alertados polo 112 Galicia co fin de aclarar as circunstancias do suceso. Os Bombeiros do Deza e o GES da localidade tamén foron avisados por se fose necesaria a súa intervención.