A Festa das Palabras pon en valor o emprego do galego

No acto entregáronse os 62 premios de microrrelatos e micropoemas
Os 62 premiados recolleron este martes o seu galardón. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Os 62 premiados recolleron este martes o seu galardón. PATRI FIGUEIRAS

O Teatro Principal do concello da Estrada converteuse na tarde de onte no epicentro da literatura local coa conmemoración da décima edición da Festa das Palabras. O acto estivo presentado por alumnado do IES nº1 da Estrada, e nel fíxose entrega dos galardóns ás 62 persoas que resultaron premiadas nos concursos de microrrelatos e micropoemas.

O acto, ao igual que os certames, tivo por finalidade promover o emprego do galego como elemento vehicular entre o público máis novo e a comunidade educativa. O fío condutor da presente edición foi a creación de pezas que contivesen as palabras "camiño" e "espello", dous termos presentes nos títulos das obras de Francisco Fernández del Riego, autor recentemente homenaxeado nas Letras Galegas deste 2023.

O acto central da xornada da Festa das Palabras foi a entrega dos premios aos 62 gañadores, os cales recibiron exemplares que recompilan os 62 escritos presentados, ademais de 14 ilustracións feitas por nenos e nenas de Educación Infantil, e cunha portada deseñada por Rosa de Cabanas e un prólogo da escritora Charo Golmar, madriña da edición.

A música de proxecto Valladares harmonizou un serán no que a madriña, Charo Goldar, puxo en valor "o enorme traballo desenvolto tanto pola organización como polos rapaces e rapazas, cuxo traballo puxo en valor o emprego da nosa lingua e permitiu crear unha obra única".

Comentarios