A Festa do Lacón con Grelos de Cuntis celebra os seus 25 anos de existencia

A programación comezará o venres, 1 de marzo, coa Gala do Chapante e finalizará o domingo coa súa xornada grande, na que se prevén máis de 2.000 comensais na carpa

Agárdase que milleiros de persoas acodan á carpa de degustación o vindeiro domingo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Agárdase que milleiros de persoas acodan á carpa de degustación o vindeiro domingo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, deu a coñecer este martes 27 os últimos detalles da programación da Festa do Lacón con Grelos, un dos eventos gastronómicos máis lonxevos e cun maior atractivo non só da bisbarra do Umia, senón tamén en toda Galicia. Unha cita que rende homenaxe a unha especialidade típica galega, como é o lacón, pero que co paso dos anos foi medrando ata dar forma a unha programación que se estenderá desde o venres, coa Gala do Chapante (21.00 horas), ata o domingo, día grande da festa. Nesa xornada, a carpa abrirase ás 14.00 horas. Campos recorda que o prazo para reservar praza permanecerá aberto ata o mércores 28. As anotacións poden realizarse a través da OMIX. O prezo de cada ración, que inclúe lacón, patacas, chourizo, grelos, bebida, pan, postre e café, é de 20 euros. Prevése a asistencia duns 2.000 comensais aproximadamente, aos que hai que engadir as numerosas persoas que "a bo seguro tamén encherán os establecementos da vila", sinalou o rexedor.

Previamente, ás 12.15 horas, o humorista e actor Pepo Suevos será o encargado de ler o pregón, no que a bo seguro non faltarán referencias aos seus vínculos con Cuntis e moito humor. Desde as 12.00 horas xa estarán tamén abertas ao público as habituais mostras da Camelia e de Encaixe de Palilleiras, ademais da Exposición Cerámica de Castrolandín ou a Feira do Mel na Praza de Abastos. A Charanga Los Támega e a Asociación Cigarróns de Verín serán as encargadas de animar e dar colorido ás rúas. Pola tarde, tamén haberá música e non faltará a tradicional despedida ao Entroido co Enterro do Chapante, ás 19.30 horas.

Con respecto á xornada do sábado, aínda quedan entradas disponibles para outro dos grandes acontecementos do programa, como é o concerto que ofrecerá o artista cordobés Antonio José na carpa habilitada na Rúa Pedro Campos, desde as 22.00 horas. Os pases poden adquirirse a través da plataforma woutick.es e teñen un prezo de 20 euros.

Referente

Manuel Campos define a XXV edición da Festa do Lacón como "moi variada e de gran calidade, acorde coa importancia que ten a nivel de Galicia" e salienta tamén a súa importancia como motor de dinamización para a economía local.

Non hai que esquecer que o evento cuntiense foi declarado hai case 15 anos Festa de Interese Turístico de Galicia. O Concello recoñeceu xa en varias ocasións que o obxectivo a medio prazo é dar un paso máis aló e conseguir tamén que o Lacón con Grelos reciba a distinción de Festa de Interese Turístico Nacional.

Por outra parte, o alcalde de Cuntis quixo salientar tamén a boa acollida que tivo o TapaLacón durante a pasada fin de semana. "Os locais participantes serviron moitas tapas, a pesar de que a meteoroloxía non acompañou", indicou Campos, que trasladou o seu agradecemento aos dez establecementos que tomaron parte nesta edición do certame, a través do cal se podían degustar tapas co lacón como protagonista a prezo dun euro.

Comentarios