A Festa do Lacón regresa a Silleda o 8 de xullo tras dous anos sen celebración

Para a ocasión vanse preparar 250 pezas de lacón e a degustación gastronómica estará acompañada de varios espectáculos muscais
Un momento da presentación do evento co cartel deseñado por David Bibián.
photo_camera Un momento da presentación do evento co cartel deseñado por David Bibián. DP

A Festa do Lacón voltará a Silleda o vindeiro día 8 de xullo, poñendo sabor ás festas de verán da localidade. A Asociación Cultural O Lacón deu a coñecer o cartel da cita, deseñado de novo polo artista silledense David Bibián, que rende homenaxe ao ano Xacobeo, cun porco peregrino na praza do Obradoiro.

O presidente da entidade, Luis González Abal, indicou que a cita comezará ás 13:00 horas cunha degustación popular e a actuación do grupo de música e baile tradicional Aires de Trasdeza, do Colexio María Inmaculada. Ás 20:00 actuará a Banda Xuvenil de Silleda e ás 22:00 horas comezará na praza de Juan Salgueiro a velada gastronómica, na que se agardan como vén sendo habitual a unhas 1.200 persoas. Despois da cea na praza actuará o Trío Orquídea con Mixel, recanteiro silledense do Luar.

"Será unha xornada especial, despois de dous anos sen festa", indicou o presidente do colectivo, que agradeceu o apoio das entidades colaboradoras coma o Concello, empresas patrocinadoras ou a Banda de Silleda, entre outros. González fixo tamén un chamamento á veciñanza para colaborar coas Festas de Verán de Silleda, que arrancarán o xoves 7 de xullo. Tamén o alcalde, Manuel Cuiña tivo un recoñecemento especial para o traballo da comisión de festas e da Asociación Cultural O Lacón.

As reservas estarán á venda dende a vindeira semana no Bodegón Esther e Estanco Edita. Cada lote (para 5 persoas) custa 65 euros e inclue un lacón (asado ou cocido), viño, pan, queixo, marmelo, unha botella de mencía,u n bolo de rosquillas e café. Para a ocasión prepararánse 250 pezas de lacón.

Comentarios