A Festa do Salmón da Estrada aposta polos actos culturais

O evento celebrarase do 14 ao 16 de maio
Un momento da presentación do programa do Salmón. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Un momento da presentación do programa do Salmón. PATRI FIGUEIRAS

Juan Constenla, concelleiro de Cultura, presentou este xoves os actos programados para a festividade do Salmón. Como era previsto, a gastronomía é a máis prexudicada pola situación sanitaria, xa que non se pode concentrar grandes cantidades de xente na rúa. Aínda así, o único que se mantén en pé na presente edición é a típica degustación de tapas de salmón, na que participarán 20 establecementos da vila. Organizada xunto coa Asociación de Hostaleiros da Estrada, esta desenvolverase desde o venres 14 ata o domingo 16. O venres á noitiña, e o sábado e domingo en horario de mañá e noite. O custo da tapa é de 2 euros.

No que atingue ao apartado cultural, sinala Juan Constenla, "decidimos apostar por instalar un recinto perimetrado na praza do Concello para 230 persoas no que albergaremos unha xeira de eventos, nos que destaca a presenza de músicos locais. É unha maneira de premiar e motivar a moitas agrupacións estradenses que levan máis dun ano paradas ou traballando no seu local de ensaio sen ver premiado o seu esforzo". 

O programa de actos terá os seguintes eventos: O martes 11 ás 20.20 horas, presentación no Teatro Principal de dous libros centrados na figura de Manuel García Barros. O sábado día 15 ás 20.0 horas está previsto un concerto exhibición do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.

O domingo 16 ás 12.30 horas terá lugar o tradicional concerto do Salmón a cargo da Coral Polifónica Estradense. Ás 20.00 horas está fixado un concerto a cargo da agrupación De Vacas. O luns 17 ás 12.00 horas será o pregón das Letras Galegas na Alameda Municipal a cargo do escritor Antonio García Teijeiro, con actuación posterior da Banda de Gaitas de Barbude. Ás 19.00 horas, haberá un concerto da Banda de Música Municipal da Estrada na praza do Concello.

Comentarios