O filólogo e escritor Gonzalo Navaza ingresa na RAG

O lalinense entra cun discurso dedicado á toponimia da súa terra
O alcalde de Lalín, José Crespo; o escritor Gonzalo Navaza, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. DP
photo_camera O alcalde de Lalín, José Crespo; o escritor Gonzalo Navaza, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. DP

O filólogo e escritor Gonzalo Navaza ingresou na Real Academia Galega (RAG) como membro de número cun discurso dedicado á toponimia da súa terra de Deza. O novo membro do pleno da institución profundou na orixe e no significado dos nomes de lugar, unha especialidade na que se iniciou nos anos 80 do século pasado e na que hoxe é un reputado especialista. E fíxoo centrándose nos nomes de persoa nos topónimos de Lalín, o concello onde naceu hai 65 anos, tras rememorar o proceso que facilitou a restauración da toponimia deturpada secularmente.

Nomes de persoa na toponimia de Lalín debulla máis de sesenta nomes que son parte dun vasto patrimonio inmaterial da cultura galega cuxo valor vai alén do patrimonial. "A toponimia ten tamén para nós unha dimensión identitaria e emotiva. Nela prodúcese o encontro de dous ámbitos que moven a nosa paixón: a terra e mais a lingua", salienta nestas páxinas Gonzalo Navaza. O seu discurso é o segundo de ingreso na Real Academia Galega dedicado á toponimia.

O novo académico lalinense ocupa a vacante producida tras o pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década, a quen lle dedicou o comezo da súa intervención. "Grazas á obra de Barreiro, temos hoxe unha visión diferente de moitos aspectos clave da nosa historia, como o protagonismo popular na guerra contra os franceses en Galicia, o dos liberais galegos na revolución que conduciu ao Trienio Liberal ou a importancia do levantamento de 1846 na xénese do galeguismo político. (...) Quen o tratou, ademais, pode dar fe da súa calidade humana", glosou o seu sucesor na mesma cadeira.

Navaza é un destacado especialista en toponimia, profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e colaborador do Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde o ano 2012.

Comentarios