Forcarei alerta dos danos causados polos temporais na PO-534

Verónica Pichel constatou o desprendemento de varias pedras do muro de contención
 
A alcadesa de Forcarei, Verónica Pichel, comprobou os danos que causaron os temporais na estrada PO-534. DP
photo_camera A alcadesa de Forcarei, Verónica Pichel, comprobou os danos que causaron os temporais na estrada PO-534. DP

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, vén de alertar á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, dos danos causados polos últimos temporais na estrada autonómica PO-534 para que os técnicos valoren os riscos da situación actual.

Pichel constatou o desprendemento de varias pedras do muro de contención que caeron ao río, así como do sistema de recollida de augas pluviais da propia estrada, xusto no punto no que actuou recentemente a Xunta despois de cortar esta vía o pasado mes de decembro por risco inminente de afundimento.

Pichel solicitou a intervención dos técnicos para que determinen a magnitude da incidencia e valoren os riscos, sobre todo tendo en conta as previsións do tempo para as próximas semanas. "Confiamos en que actúen pronto e analicen a incidencia para que a infraestrutura non sufra máis danos e non supoña riscos para vehículos e condutores", indicou.

O lugar en cuestión atópase na PO-534, no tramo entre Cachafeiro e Folgoso que a Xunta pechou o pasado 20 de decembro para levar a cabo unha importante actuación ante o risco de afundimento. Esta vía permaneceu cortada durante catro meses e medio para o desenvolvemento dos traballos, que incluíron a escavación de máis de 20.000 m3 de terra, a substitución do tubo metálico danado por un marco prefabricado de formigón, o encachado, a construción dos emboquilles laterais, a reposición do servizo de regantes, as tarefas para volver facer o terraplén e a reposición do firme, entre outros.

Comentarios