Forcarei aproba novos pagos para reducir a débeda da auga

O recoñecemento extraxudicial de crédito ascende a 222.016 euros

Votación no pleno celebrado onte no Concello de Forcarei. DP
photo_camera Votación no pleno celebrado onte no Concello de Forcarei. DP

O pleno do Concello de Forcarei aprobou novos pagos para reducir a débeda con Augas de Galicia contraída xa na época do goberno do Partido Popular por incumprimentos e sancións respecto ao gasto do canon da auga. Concretamente, aprobou o pago de 27.244,36 euros da última sanción recibida por non ter ingresado o canon entre os anos 2016 e 2019.

Esta última multa ascende a 88.298,64 euros por diferentes infraccións tributarias de carácter grave e de carácter leve por falta de autoliquidación dos importes do canon en diferentes períodos entre 2016 e 2019, polo incumprimento das obrigas de facturación do canon e pola falta de presentación en prazo das autoliquidacións. Esta cantidade reduciuse ata os 52.979,18 euros polo pago fraccionado que foi autorizado.

Así, co acordo plenario procederase ao pago do primeiro fraccionamento desta última sanción, que ascende a 27.244 euros. Ademais, deuse o visto bo a outro pago de 37.155,18 euros correspondentes á débeda pendente con Augas de Galicia deses anos (aínda haberá máis gastos ata 2025 para atender ao calendario acordado) e ao abono de 15.256,02 polo canon de dous catrimestres de 2022.

Entre débedas e sancións de Augas de Galicia polo canon da auga do período de goberno do PP, os pagos suman máis de 300.000 euros.

En total, o pleno do Concello de Forcarei aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito de 222.016,65 euros para facer fronte a estes pagos pendentes con Augas de Galicia, ademais de facturas de servizos, subministros e obras, horas extras realizadas polo persoal municipal e gastos por asistencia a tribunais de selección, e o pago do canon anual do convenio coa comunidade de montes da Madalena polo circuíto de karting.

O expediente aprobouse con 5 votos a favor (4 do PSOE e 1 do concelleiro non adscrito), 1 en contra (un concelleiro do Partido Popular) e 5 abstencións (4 do PP e 1 do BNG).

Comentarios