Forcarei completa o proceso de licitación do subministro de enerxía eléctrica

O Concello logra rebaixar os consumos nuns 18.000 euros xusto no momento de maior incerteza sobre a incidencia das novas tarifas da enerxía
Casa consistorial de Forcarei. GOOGLEMAPS
photo_camera Casa consistorial de Forcarei. GOOGLEMAPS

O Concello de Forcarei completará estes días o proceso de licitación do servizo de subministro de enerxía eléctrica acadando os obxectivos de aforro previstos a pesar de que un dos dous lotes nos que se dividiu o procedemento resultou deserto.

Deste xeito, os servizos de maior potencia correrán agora a cargo da compañía catalá Aura Energía, S.L., que presentou unha oferta cunha baixa de case 8.000 euros (impostos incluídos) sobre o prezo de saída. Os de baixa potencia seguirán en mans da comercializadora regulada do Grupo Naturgy, pero o aforro producirase ao trasladar 19 subministros que estaban no mercado libre ao mercado regulado. En total haberá unha rebaixa dos consumos duns 18.000 euros, aínda que haberá que esperar a constatar a incidencia real na factura final pola recente entrada en vigor das novas tarifas da enerxía eléctrica.

Este é un paso máis do ambicioso proceso que a administración local iniciou en outubro de 2019 para reducir o seu consumo enerxético coa revisión a fondo da rede eléctrica e da súa xestión. Dende aquela logrou un aforro económico de máis de 30.000 euros. En concreto, os 26.000 euros nos que se conseguiu minorar a factura no ano 2020 supuxeron unha redución de aproximadamente o 14%.

Días atrás anunciou tamén a tramitación a través da Deputación dun proxecto de mellora da eficiencia enerxética, cunha importante achega de fondos europeos, que suporá a renovación de 386 luminarias entre Soutelo de Montes, Cachafeiro, Forcarei e áreas adxacentes. A iniciativa implicará un investimento duns 200.000 euros e incluirá a instalación de placas de enerxía solar na casa consistorial.

Co concurso público que se completará agora para o subministro eléctrico, ademais de reducir o gasto e acabar coa anomalía legal de non ter licitado nunca este servizo, lograrase tamén que polo menos o 40% da enerxía que consuma o Concello sexa de orixe renovable, cunha certificación da Comisión Nacional de Mercados e Competencia.

O proxecto consistiu na implantación dun moderno sistema de xestión do servizo que permitiu ao Concello ter rexistrados detallada e dixitalmente todos e cada un dos puntos ou instalacións consumidores de enerxía, tanto das dependencias administrativas municipais como de toda a rede de alumeado público. O maior aforro xurdiu da optimización de tarifas e contratos, e da eliminación de ineficiencias técnicas de xestión e uso, incluída a anulación de instalacións ou liñas que xa non tiñan uso dende tempo atrás.

Comentarios