Forcarei estrea a nova sede do Centro Etnográfico de Terra de Montes

Alberga 1.200 pezas da colección propiedade da familia González Ruibal e outras doazóns
Verónica Pichel e Carlos Font durante a visita ao novo centro museístico. CEDIDA
photo_camera Verónica Pichel e Carlos Font durante a visita ao novo centro museístico. CEDIDA

O novo Centro Etnográfico da Terra de Montes (CETMO), no auditorio de Soutelo de Montes, empezou estes días a recibir as primeiras pezas que se exhibirán neste espazo. O deputado provincial Carlos Font, acompañado pola alcaldesa Verónica Pichel, percorreron onte as instalacións en compañía de Alfredo González, representante da familia titular da colección etnográfica, para supervisar o remate das obras e coñecer a disposición da exposición permanente.

Coa actuación financiada pola Deputación Provincial a través do Plan Concellos distribuíuse o local, de preto de 150 metros cadrados, en dous espazos diferenciados cunha zona de acceso con capacidade para albergar entre 15 e 20 persoas, na que se poderá consultar material de promoción e bibliográfico, e unha área de percorrido pola colección con vitrinas para as pezas, paneis explicativos e unha zona de proxección.

Os traballos acometidos, cun custe de 27.500 euros, incluíron o trasdosado da parede, caixóns vitrina e expositores de diferentes tipoloxías, acabado do chan, acabado de paredes e mobiliario, pintura, contras escurecedoras, tabiques de separación, moble de recepción, instalación eléctrica xeral e iluminación led de apoio para as vitrinas. A maiores, o Concello afrontou o arranxo de parte do tellado.

A colección da familia González Ruibal está composta por 1.200 de pezas da súa propiedade e tamén de doazóns da veciñanza sobre gandería, agricultura, vida cotiá, emigración ou oficios tradicionais (carpintería, cantería, cerería, cultivo e tratamento do liño) que representan a etnografía tradicional da Terra de Montes, maioritariamente da etapa comprendida entre finais do século XIX e mediados do XX.

A filosofía museográfica permite que as pezas poidan renovarse e mesmo acoller outras mostras temporais de modo que sirva tamén de foro cultural da Terra de Montes. O museo abrirá as súas portas nas próximas semanas, en canto finalice o traslado de todas as pezas.

Comentarios