Forcarei investirá preto de 28.000 euros na mellora da área deportiva do Concello

Colocará herba artificial na piscina municipal e na parte dianteira do ximnasio, ademais de aplicar formigón semipulido na contorna
undefined
photo_camera Aspecto actual das instalacións deportivas do municipio forcaricense. CEDIDA

Co obxectivo de mellorar o confort e a accesibilidade de veciñas e veciños na área deportiva de Forcarei, o Concello levará a cabo proximamente unha importante actuación na contorna do ximnasio e da pista de baloncesto, así como na piscina municipal.

O goberno local quere acabar coa lameira que habitualmente aparece na zona das instalacións deportivas en canto chove e o perigo que supón para todas as persoas que camiñan por este lugar e pola pasarela de madeira que comunica co parque infantil. Deste xeito, o Concello de Forcarei acaba de contratar as obras para a colocación de 260 metros cadrados de formigón semipulido en cor gris e cun espesor de 10 cm. Os traballos foron adxudicados a Francisco Javier Barros Álvarez por 9.406,54 euros (IVE incluído).

Así mesmo, o Concello instalará tamén nesta área céspede artificial, concretamente na parte dianteira do ximnasio. Retiraranse algunhas plantas, maleza e outros materiais existentes para deixar a zona co mesmo desnivel e colocar sobre toda a superficie unha malla antiherbas e o céspede sintético.

A herba artificial será tamén protagonista da piscina de Forcarei. O Concello dotará ás áreas de terra entre o vaso e o bar deste tipo de céspede, resistente aos raios UV e altura de hilo de 30 mm, para incrementar o confort e a comodidade das persoas que utilizan esta instalación deportiva e de ocio nos meses de verán. A obra inclúe a creación de catro alcorques con aplicación de caucho arredor de catro árbores e a instalación de malla antiherbas sobre toda a superficie a cubrir polo céspede artificial.

Estes traballos, na piscina e na parte dianteira do ximnasio, foron adxudicados a Naturgalia SL por 18.005,16 euros (IVE incluído).

Comentarios