Forcarei licita a humanización de Soutelo por máis de 400.000 euros

Construiranse novas beirarrúas e firme bituminoso para mellorar a seguridade, a mobilidade de peóns e conseguir a total accesibilidade nesta área de servizos de Soutelo de Montes
Vista aérea de Soutelo de Montes, coa zona onde se actuará. DP
photo_camera Vista aérea de Soutelo de Montes, coa zona onde se actuará. DP

O Concello de Forcarei acaba de iniciar o proceso de licitación do ambicioso proxecto que permitirá mellorar a seguridade e a mobilidade peonil e lograr total accesibilidade no centro de Soutelo de Montes, concretamente na área do parque Venezuela e do centro de saúde.

O orzamento base de licitación ascende a un total de 407.012,88 euros (IVE incluído). As empresas interesadas teñen de prazo para presentar ofertas ata o vindeiro 18 de outubro. O prazo de execución é de cinco meses.

As empresas poden presentar ofertas ata o 18 de outubro e o prazo de execución das obras é de cinco meses

As obras afectarán concretamente ao parque Venezuela, á travesía do parque Venezuela, á rúa C e á rúa do Ambulatorio, zonas nas que o pavimento das beirarrúas e da calzada está deteriorado, con moitos danos froito da execución de diferentes infraestruturas urbanas ao longo dos anos, e que supón riscos e incomodidade para a cidadanía.

BEIRARRÚAS MÁIS ANCHAS

Mediante este proxecto mellorarase cualitativa e cuantitativamente a mobilidade peonil co aumento da superficie dispoñible para as persoas a pé. Ampliarase o ancho das beirarrúas para fomentar a mobilidade peonil e elevarase o nivel da calzada ata formar unha plataforma única, suprimindo así  as barreiras arquitectónicas e xerando un espazo único. 

As obras inclúen unha nova pavimentación das beirarrúas con formigón de diferentes tipos, atendendo ás indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio,  novo firme bituminoso nas vías, nova sinalización horizontal e elementos vexetais, e o acondicionamento das zonas verdes xa existentes.

A actuación implicará a reorganización do tráfico na zona e os espazos de estacionamento, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida

Así mesmo, reorganizarase o tráfico na zona e os espazos de estacionamento, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e aumentando as áreas de aparcamento no contorno do centro de saúde, e melloraranse os accesos ao mesmo. Finalmente, ampliaranse as redes urbanas de recollida de augas pluviais e alumeado público, así como a superficie de zona verde do Parque Venezuela.

As obras serán financiadas integramente a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que concedeu unha subvención de 437.795,37 eurs. Con este importe farase fronte tamén á redacción do proxecto, a dirección de obra e á coordinación de seguridade e saúde.

Comentarios