Forcarei licita a mellora da presión da auga e a roza de pistas de parcelarias

O Concello logra unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta e destina 97.500 euros para as dúas iniciativas
Estación de Tratamento de Auga Potable de Forcarei (ETAP).  DP
photo_camera Estación de Tratamento de Auga Potable de Forcarei (ETAP). DP

A roza de 150 km de pistas de concentracións parcelarias nas parroquias de Pereira, Meavía, Quintillán e de Presqueiras xa está en proceso de licitación, por un importe máximo de 67.182,51 euros. O Concello de Forcarei iniciou tamén a licitación dos traballos para mellorar a presión do abastecemento de auga de Forcarei, por un importe máximo de 27.576,32 euros. O municipio conseguiu unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta para desenvolver estas dúas importantes actuacións.

No caso da roza das pistas das parcelarias, moitas das cales levan máis dunha década sen rozar, o prazo de execución é de 1 mes e os traballos inclúen o despexe, roza e limpeza da vexetación de camiños, marxes, cunetas, noiros e plataformas dos camiños. Realizaranse cunha rozadora manipulada con tractor e, nos casos nos que non sexa posible, recorrerase á manual.

As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 5 de setembro ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas

No que respeta a mellora da presión do abastecemento de auga de Forcarei, os traballos permitirán paliar a falta de presión que se produce en determinados momentos do ano nos puntos e plantas máis altas do núcleo urbano. O estado actual dos equipamentos ven de ser obxecto dun proceso de mellora e renovación, co fin de garantir a calidade dos servizo á veciñanza.

Con esta nova actuación, cun prazo de execución de 2 meses, instalarase unha electrobomba xunto co circuíto hidráulico en aspiración e impulsión, co debido interconexionado hidráulico á rede xeral e grupo hidroneumático de 300 litros, entre outros elementos.

As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 5 de setembro ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas. Como mínimo, a empresa adxudicataria para as rozas deberá contar con 2 tractores con condutor con rozadora de brazo, equipo de sinalización e peón equipado con motorrozadora e motoserra para cortar pés.

Estas iniciativas levadas ao pleno pola alcaldesa Verónica Pichel en febreiro non contan co aval da oposición formada polo PP e o BNG-Foro Forcarei.

Comentarios