Forcarei lidera a presentación do xeodestino Deza-Tabeiros en Fitur

Xunto co turoperador Viajes InterRías anunciouse a posta en marcha de diferentes paquetes turísticos, que se ofertarán en máis de 9.500 axencias de viaxes de España e Portugal
Un momento da presentación do xeodestino Deza-Tabeirós. DP
photo_camera Un momento da presentación do xeodestino Deza-Tabeirós. DP

O Concello de Forcarei liderou esta semana en Fitur a presentación do xeodestino Deza-Tabeirós, nun acto no que se resaltaron os numerosos atractivos da comarca. A concelleira forcaricense Ana Doval foi a encargada de descubrir a riqueza natural, cultural e gastronómica da comarca, mencionando expresamente a Festa da Richada de Forcarei, a maiores da coñecidísima Festa do Cocido de Lalín e dos camiños de Santiago.

"Forcarei, e a comarca de Deza-Tabeirós, ofrecen aos visitantes experiencias os 365 días do ano -apuntou Doval-, e os peregrinos a Santiago de Compostela teñen nesta zona moita xente hospitalaria desexando recibilos".

Xunto a Ana Doval participaron nesta presentación o xerente da ADR Terras de Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal, e Miguel Ríos, de Viajes InterRías. No acto, o xeodestino anunciou a posta en marcha de diferentes paquetes turísticos a través deste turoperador galego, para intentar atraer máis grupos de visitantes á comarca. Precisamente a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, que este ano non puido acudir á Feira Internacional de Turismo de Madrid, iniciou en 2021 en Fitur os contactos con Viajes InterRías para promover a inclusión dos atractivos do municipio en paquetes turísticos. "A potencialidade turística de Forcarei non está na venta individualizada do destino, senón no encaixe dos seus valores en produtos turísticos temáticos ou específicos, algo que agora empeza ser unha realidade", defende Pichel.

A iniciativa presentada esta semana en Fitur busca unha mellora no posicionamento da comarca de Deza-Tabeirós no mercado a través da creación de produtos turísticos, a súa paquetización e a súa promoción no ámbito B2B, é dicir, entre os profesionais do sector turístico. Así, Viajes InterRías promove a creación de diferentes paquetes turísticos con variedade de temáticas e enfocados a diferentes públicos, combinando os elementos diferencias do destino, como a gastronomía e as súas festas, o turismo cultural, con recursos tan importantes como a Rapa das Bestas ou enclaves como o Mosteiro de Aciveiro ou as neveiras de Fixó; a natureza e os recursos que converten a comarca no corazón verde de Galicia; ou o turismo activo, entre outros.

Tal e como explicou Miguel Ríos, para a súa posta no mercado, Viajes InterRías creará un catálogo dixital que promocionará en toda a súa rede de axencias de viaxes colaboradoras, composta por máis de 9.500 puntos de venta en España e Portugal.

Comentarios