Forcarei mobilízase contra o peche da oficina de Abanca en Soutelo de Montes

O Concello iniciou unha campaña de recollida de firmas
Oficina de Abanca en Soutelo de Montes. GOOGLEMAPS
photo_camera Oficina de Abanca en Soutelo de Montes. GOOGLEMAPS

A sucursal bancaria de referencia de Soutelo de Montes (Forcarei) pechará as súas portas, concretamente día 21 de xullo segundo está a comunicar Abanca aos seus clientes. A nova está a causar un forte malestar entre a veciñanza da localidade, dado que se trata da única oficina operativa e accesible para todo tipo de persoas e xestións. Existe a maiores un local do Banco de Santander, pero que funciona unicamente como axencia para os seus clientes, subliña o Goberno local.

A alcaldesa, Verónica Pichel, remitiu unha carta ao conselleiro delegado da entidade financeira, Francisco Botas, no que expresa o seu "total rexeitamento por unha decisión que ten graves efectos negativos para a hostalería e o comercio locais, para as empresas do polígono industrial de Vilapouca e para a numerosa poboación maior que, como a súa compañía defende na súa publicidade, precisa servizos de proximidade".

O Concello iniciou unha campaña de recollida de firmas contra o peche. Nos formularios, a disposición dos veciños que haberá no Concello, ademais de referirse aos prexuízos que vai causar a medida, en especial ao colectivo de persoas maiores, hostalería e comercio, demándase que "as entidades bancarias que reciben fondos para a súa actividade empresarial sexan responsables e manteñan servizos de calidade no rural".

Pichel incide non só na necesidade da oficina para manter a actividade económica de moitas familias, senón tamén para atender a poboación que medra considerablemente nesta zona durante o verán polo retorno de moitos emigrantes, clientes de Abanca e usuarios dos seus servizos.

Por último, transmítelle o seu interese en que reconsideren "unha decisión tomada sen ningún criterio social nin de compromiso co país". "Apoiaremos sempre á veciñanza nas súas reivindicacións", concluíu a alcaldesa de Forcarei.

Comentarios