Forcarei nota un aumento de terrazas na hostalería pola supresión de taxas

Dende o Concello destacan que seis locais solicitaron permiso para instalar novas mesas
Unha terraza en Forcarei. DP
photo_camera Unha terraza en Forcarei. DP

A supresión da taxa de terrazas está a xerar, segundo destacan dende o Concello de Forcarei, un notable incremento destes espazos na hostalería, pois ata seis establecementos do municipio solicitaron permiso para instalar novas mesas no exterior.

As veciñas e veciños notan tamén a rebaixa da cota do imposto de vehículos de tracción mecánica, que comezou a cobrarse a primeiros deste mes de maio. A redución fiscal neste caso é de algo máis dun 8%, pasando dun 1,2 a un 1,1 o coeficiente aplicado sobre as tarifas establecidas no artigo 96 da Lei 39/1988 de 28 de decembro, Reguladora das Facendas Locais.

No marco das accións e obxectivos para cumprir coa Axenda 2030 e reducir a contaminación, Forcarei decidiu bonificar especialmente a propietarios de vehículos eléctricos e híbridos, baixando a carga impositiva nun 75% e 50%, respectivamente. Os tractores, remolques e maquinaria con Cartilla de Inspección Agrícola seguen, como antes, exentos de pagar esta taxa.

O calendario fiscal de Forcarei seguirá o 1 de xuño co inicio do período de pago voluntario das taxas de lixo, cemiterio, beirado e vaos. O acordo da corporación que permitiu a modificación das ordenanzas incluíu exencións do 100% da taxa por recollida de lixo e limpeza para as persoas en situación de emerxencia social.

Esta iniciativa decidiuse que chegara tamén ás pemes e autónomos afectados pola situación xerada pola pandemia do covid-19, durante o actual exercicio 2021 e posteriores se continuasen os efectos desta crise ou se deran outras circunstancias similares. Un pacto do equipo de goberno co concelleiro de BNG-Foro Forcarei, Roberto Jorge, ampliou a relación de beneficiarios destas exencións temporais a familias numerosas, persoas maiores de 65 anos que vivan soas, familias monoparentais e desempregados de longa duración. A batería de beneficios fiscais decididos hai meses polo Concello completáronse coa modificación da ordenanza reguladora da taxa por licenzas de taxis e vehículos de aluguer.

Comentarios